"Graves violacións" aos dereitos humanos na protesta de Chile

Segundo o informe elaborado pola oficina da Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, durante as protestas que se produciron en Chile a partir de outubro de 2019 houbo "un elevado número de violacións graves aos dereitos humanos" por parte das forzas de seguridade do Estado chilenas.
EuropaPress_2738188_michelle_bachelet
photo_camera A Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, a ex presidenta chilena Michelle Bachelet (Violaine Martin / ONU)

A Alta Comisionada de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, a ex presidenta chilena Michelle Bachelet, considera que "a partir do 18 de outubro [de 2019] produciuse un elevado número de violacións graves aos dereitos humanos" durante o estalido social de finais dese ano en Chile. Foi parte da súa declaración a cuestións da fiscal encargada do caso, feita pública nas últimas horas nos medios locais.

O 2 de outubro de 2020, Claudia Perivancich, que investiga a suposta comisión de delitos de lesa humanidade na represión das protestas no país andino, entregou en Xenebra (Suíza) nove preguntas á alta comisionada. Dous meses máis tarde, concretamente o 10 de decembro, foron respondidas e agora saen á luz. En sete follas, Bachelet explica o rol da oficina que dirixe, como foi a visita a Chile e como se relacionou coas autoridades chilenas. Asegura que existían "razóns fundadas" para afirmar que había estas violacións, "incluíndo o uso excesivo ou innecesario da forza".

O 18 de outubro de 2019 marcou o inicio das maiores mobilizacións sociais da historia recente de Chile. Comezaron como unha protesta contra a subida do prezo do transporte público, mais desembocaron en denuncias máis amplas en contra da desigualdade social e a favor dunha nova Constitución

O rol das forzas de seguridade, especialmente dos Carabineros, foi posto en dúbida. O Instituto Nacional de Dereitos Humanos (INDH) rexistrou máis de 2.500 denuncias e unhas 3.000 vítimas por abusos entre outubro de 2019 e marzo de 2020.

Perivancich, fiscal rexional de Valparaíso, investiga neste contexto unha vintena de querelas contra distintas autoridades, entre estas atópanse o presidente do país, Sebastián Piñera; os ex ministros do Interior Andrés Chadwick e Gonzalo Blumel; ou o ex director de Carabineros Mario Rozas.

Na súa carta, Bachelet explica as razóns que levaron a oficina que dirixe a visitar o país: "A desigualdade socioeconómica e os obstáculos no goce dos dereitos económicos e sociais, a discriminación en contra das mulleres, dos pobos indíxenas e das persoas LGTBI, os casos de corrupción de funcionarios públicos e as penas leves ou a impunidade por casos de corrupción; así como as medidas específicas de autoridades a partir do 4 de outubro de 2019, como parte do contexto da crise que resultaron nas protestas a partir do 18 de outubro de 2019".

Unha vez alí puido constatar ese "elevado número de violacións graves aos dereitos humanos", que se materializaron "na privación arbitraria da vida e en lesións", "na tortura e malos tratos", "na violencia sexual" e "nas detencións arbitrarias". "Estas violacións cometéronse en todo o país, mais a súa gran maioría ocorreu na rexión metropolitana e en contextos urbanos", declarou Michelle Bachelet.

A ex presidenta chilena tamén manifestou a imposibilidade de manter xuntanzas durante a súa visita "coas máis altas autoridades do Ministerio de Defensa e do Ministerio do Interior, por razóns alleas á oficina" da ONU. Si que participou, non obstante, na reunión que o Comité Interministerial de Dereitos Humanos mantivo o 30 de xaneiro de 2020. Alí expresou a súa "preocupación por casos de uso excesivo da forza (mesmo en contra de manifestacións pacíficas, observadores de dereitos humanos e brigadistas de saúde)". 

A respecto deste último grupo, Bachelet sinalou directamente ao Ministerio de Sanidade, indicando que tras unha xuntanza do 6 de febreiro de 2020 cos seus responsábeis se solicitaran as medidas necesarias para garantir a súa protección, "en resposta a informacións que indicaban que foran reiteradamente agredidos por membros de Carabineros de Chile". Porén, dixo que "a solicitude non foi aceptada, indicándose que os brigadistas voluntarios non gozan de status oficial/profesional e non están autorizados a ofrecer primeiros auxilios".

"País democrático"

O portavoz do Goberno chileno, Jaime Bellolio, respondeu onte á carta de Bachelet, afirmando que nun país democrático "quen determina" a existencia de violacións aos dereitos humanos non son "os ex presidentes", senón os tribunais. "No noso país hai unha orde democrática", sostivo, recalcando que, polo tanto, "isto está en mans dos fiscais e dos tribunais, e todos aqueles ámbitos que teñan que ver con dereitos humanos para este Goberno son fundamentais".

"Hai un compromiso clarísimo: nunca, xamais, se poden xustificar as violacións dos dereitos humanos", insistiu Bellolio, que fixo fincapé en que "este compromiso implica que sempre hai que colaborar para que se faga xustiza e esa xustiza, nun país democrático, fana os tribunais e non outras persoas".

Comentarios