Putin afirma que invadir Ucraína foi "a única decisión correcta" ante a "ameaza" da OTAN

Zelenski celebra tamén o Día da Vitoria e di que Ucraína "non permitirá que ninguén se apropie da vitoria contra o nazismo", en alusión ao discurso de Putin.
O presidente de Rusia, Vladimir Putin, esta segunda feira en Moscova, no desfile de conmemoración do 77º aniversario da vitoria soviética sobre o Exército nazi. (Foto: Kremlin / DPA)
photo_camera O presidente de Rusia, Vladimir Putin, esta segunda feira en Moscova, no desfile de conmemoración do 77º aniversario da vitoria soviética sobre o Exército nazi. (Foto: Kremlin / DPA)

Invadir Ucraína o pasado 24 de febreiro foi, para o presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, unha decisión "forzada, axeitada e a única correcta". Nestes termos se pronunciou esta segunda feira na praza vermella de Moscova, no seu discurso á nación con  motivo do 77º aniversario da vitoria soviética sobre a Alemaña nazi, que puxo fin á segunda guerra mundial en Europa.

"A defensa da patria, cando se definía o seu destino, sempre foi sagrada", afirmou Putin, que vencellou aquela ofensiva militar coa que se está a producir na actualidade: "Do mesmo modo, estamos a loitar polo noso pobo no Donbás, pola seguridade da nosa patria, Rusia".

Neste senso, salientou que Moscova "propuxo en decembro un acordo de seguridade entre Rusia e Europa" que incluía un "diálogo honesto para lograr solucións razoábeis e de compromiso". Porén, "foi en van" porque "Occidente tiña plans completamente diferentes", afirmou.

"Estaban a preparar unha operación de castigo no Donbás para invadir o noso territorio histórico, incluída Crimea. En Kíiv dicían que poderían obter armas nucleares e a OTAN empezou a explorar os territorios adxacentes a nós", argumentou o presidente ruso.

A ollos de Putin, creouse en Ucraína de forma sistemática "unha ameaza absolutamente inaceptábel" e "dirixida" contra as fronteiras de Rusia. "Todo indicaba que un enfrontamento cos neonazis, que os EUA e os seus socios [nomeadamente os países da OTAN] aguzaron, era inevitábel".

A este respecto, volveu equiparar o actual conflito bélico no leste de Europa coa guerra contra o fascismo na década de 1940. "Diríxome agora ás nosas Forzas Armadas e as milicias do Donbás. Loitades pola patria, polo seu futuro, para que ninguén esqueza as leccións da segunda guerra mundial e para que non haxa lugar no mundo para executores e nazis", concluíu.

Zelenski: "Non permitiremos que ninguén se apropie do Día da Vitoria"

Pola súa parte, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, lembrou tamén o 9 de maio e agradeceu á súa nación que celebre esta data porque, dixo, "tamén lle corresponde" a pesar dos "intentos de Rusia" de desvincular o pobo ucraíno.

"Hoxe celebramos o Día da Vitoria sobre o nazismo e non imos regalarlle a ninguén un anaco da nosa historia. Estamos orgullosos dos nosos antepasados que, xunto con outras nacións da coalición anti-Hitler, derrotaron o nazismo. E non permitiremos que ninguén se anexione esta vitoria, non permitiremos que se apropien dela", apuntou.

Zelenski quixo lembrar os "millóns de ucraínos" que loitaron contra o nazismo durante a segunda guerra mundial, "expulsando os nazis de Lugansk, Donetsk e Crimea" e liberando cidades como Kherson, Melitopol, Berdiansk e Mariúpol, "lugares especialmente inspiradoras a día de hoxe".

"Nunca pelexamos contra ninguén. Loitamos sempre por nós, pola nosa liberdade, pola nosa independencia, para que a vitoria dos nosos antepasados non sexa en balde. Loitaron pola nosa liberdade e gañaron. Estamos a loitar pola nosa liberdade, pola liberdade dos nosos fillos, e por iso venceremos", concretou Zelenski.

Comentarios