Rusia di que agora comeza a "seguinte fase" da "operación especial en Ucraína", centrada no Donbass

Zelenski, que esta terza feira presentou no Parlamento de Ucraína un proxecto de lei para estender a lei marcial no país, afirma que o seu Exército "non se renderá nin entregará nada que sexa ucraíno".
Edificio bombardeado en Mariupol, cidade na que as tropas rusas centran agora os seus esforzos. (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News)
photo_camera Edificio bombardeado en Mariupol, cidade na que as tropas rusas centran agora os seus esforzos. (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News)

O ministro de Exteriores de Rusia, Sergéi Lavrov, afirmou esta terza feira, nunha entrevista ao xornal indio India Today recollida pola axencia Tass, que as Forzas Armadas do seu país están a iniciar a "seguinte fase" da "operación especial" que principiou o pasado 24 de febreiro coa invasión do territorio ucraíno. "O obxectivo da operación no leste de Ucraína é a liberación total das repúblicas de Donetsk e Luhansk", afirmou.

Aliás, Lavrov apuntou que a guerra "está arraigada no desexo dos EUA e Occidente de liderar o mundo". "Queren mostrar ao mundo que non haberá multipolaridade e crearon unha plataforma de lanzamento contra nós na nosa fronteira", precisou.

Estas declaracións chegan un día despois de que o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, sinalase que o Kremlin ordenara principiar unha "gran batalla" na rexión do Donbass, "para a que levan tanto tempo preparándose".

"Non importa cantos militares rusos traian á zona. Seguiremos loitando e defendéndonos. Seguiremos facéndoo a diario. Non nos imos render nin entregaremos nada que sexa ucraíno, pero tampouco precisamos nada que non sexa noso", dixo Zelenski esta segunda feira.

Os esforzos das tropas rusas, segundo apuntou esta terza o Estado Maior do Exército de Ucraína, céntranse en tomar por completo a cidade de Mariupol, escenario de fortes combates e bombardeos nas últimas datas.

Así o ratificou o Exército da autoproclamada —e recoñecida por Rusia— República Popular de Donetsk, que esta terza fixo alusión ao inicio dunha ofensiva contra a planta metalúrxica Azovstal, a fin, segundo este goberno, de "liberar" a poboación. Aliás, Rusia insta os "batallóns nacionalistas" que alí fican a "entregar as armas sen combater".

Extensión da lei marcial

Por outra parte, esta terza feira Zelenski presentou no Parlamento ucraíno un proxecto de lei para estender a lei marcial que rexe no país desde o 24 de febreiro e cuxa caducidade está próxima, o 25 de abril.

Comentarios