Primeiras baixas no PSOE após a debacle nas eleccións madrileñas

O candidato socialista á presidencia da Comunidade de Madrid, Ángel Gabilondo, asegurara que non tiña pensado dimitir, mais hoxe confirmouse que non tomará posesión da súa acta como deputado. O anuncio chega após a reunión da Comisión Executiva Federal do partido. Tamén se despediu secretario xeral do PSOE en Madrid, José Manuel Franco.
Gabilondo durante a rolda de prensa posterior a coñecer os resultados. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera Gabilondo durante a rolda de prensa posterior a coñecer os resultados. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

A vitoria incontestábel do Partido Popular de Isabel Díaz Ayuso nas eleccións á Comunidade de Madrid segue causando repercusións a nivel político. Após a despedida da política do candidato de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, vén de confirmarse que o cabeza de lista do PSOE, Ángel Gabilondo, tampouco recollerá a acta de deputado.

Esta é a segunda baixa nas filas socialistas despois dos malos resultados nos comicios, pois hoxe xa anunciara a súa dimisión o secretario xeral do PSOE de Madrid, José Manuel Franco. Unha xestora asumirá a dirección do partido até que decorra o comité federal a finais de ano.

Malia que o ex ministro Ángel Gabilondo asegurara despois da caída dos votos para o PSOE que non tiña previsto dimitir, os peores resultados electorais na rexión coa perda de 13 escanos fan que o candidato decidira non chegar a tomar posesión como deputado.

Dado que o político foi trasladado a un centro hospitalario tras atoparse mal despois de vacinarse contra a Covid-19 hoxe mesmo, foron o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, os que confirmaron a baixa, pola que tampouco asumirá o cargo de voceiro do grupo.

A decisión é froito da reunión da Comisión Executiva Federal, que analizou a derrota histórica fronte ao PP e admitiu erros estratéxicos.

En consecuencia, o tamén presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, apostou en traballar nun novo liderado socialista para Madrid de cara ás próximas autonómicas e municipais, que decorrerán en 2023.

Pola súa parte, Ábalos trasladou o seu recoñecemento a Gabilondo por “asumir a candidatura nun momento complicado”.

Comentarios