Nove palestinos asasinados na nova estratexia da extrema dereita israelí

29 palestinas e palestinos foron asasinados no que levamos de ano após case unha decena de mortes pola incursión de Israel no campo de refuxiados de Xinín, na que foi atacado o hospital do campo con bombas lacrimóxenas.
Benjamin Netanyahu (dereita), esta semana. (Foto: Kobi Gideon / GPO)
photo_camera Benjamin Netanyahu (dereita), esta semana. (Foto: Kobi Gideon / GPO)

Cando menos nove palestinos morreron onte a mans do Exército israelí nunha incursión no campo de refuxiados de Xinín (Cisxordania), ademais, rexistráronse 20 persoas feridas de bala, catro delas en estado crítico. Entre os falecidos está unha muller de avanzada idade.

Os militares de Israel alegaron como é habitual que foron agredidos polas persoas refuxiadas nunha operación contra o “terrorismo”, así e todo, non reportaron feridos entre os soldados. Con estes asasinatos o número de palestinas e palestinos mortos en accións israelís aumentou a 29 en 2023, incluídas cinco crianzas, de seguir o nivel de violencia esta tendencia superará as máis de 200 mortes de 2022, o peor ano desde 2006.

No ataque foron lanzadas bombas lacrimóxenas contra o hospital de Xinín, causando feridas por asfixia a varias nenas e nenos, informou o director do hospital, Wissam Baker, que denunciou que os militares israelís dispararon contra ambulancias que trataban de socorrer as persoas feridas. Baker explicou que Tel Aviv executa “unha invasión sen precedentes en canto ao seu tamaño e ao número de feridos”.

Esta incursión “debe entenderse como un sinal, é o primeiro disparo dunha operación israelí máis grande”, explicou o analista político Aleef Sabbagh, que salienta que “a falta de resposta, nin árabe nin internacional, sobre o que está a facer Israel anímao a seguir cos asasinatos”, todo isto no marco do novo Goberno de Tel Aviv liderado por Benjamin Netanyahu con forzas de extrema dereita e ultra ortodoxas.

O presidente palestino, Mahmud Abbas, declarou tres días de loito polos asasinatos, ao tempo que Hamas, que goberna en Gaza, incidiu en que “a vontade do pobo palestino é máis firme que os crimes da ocupación”, advertindo de que Israel “pagará o prezo” polo “masacre” en Xinín “pronto”. Asemade, convocouse unha folga xeral en Cisxordania e Xerusalén Leste.

Mohamad Shtayyeh, primeiro ministro palestino, laiouse polas “execucións” perpetradas por Israel e pediu á Organización das Nacións Unidas que “interveña urxentemente para dar protección á poboación palestina”. A resposta do organismo foi expresar a “profunda alarma” pola situación, termos semellantes aos utilizados pola Unión Europea (UE), que non obstante recoñeceu as “lexítimas preocupacións de seguridade en Israel”. Pouco despois de transcender os asasinatos, o presidente de Israel, Isaac Herzog, pronunciou un discurso no Parlamento da UE.

A incursión produciuse o mesmo día que a prensa israelí publicou a disposición de Abbas a negociar con Netanyahu.

Comentarios