Ana Miranda voltará a Palestina cunha delegación europea oito anos após ser deportada polas autoridades de Israel

"Prometín que volvería e así será", celebra Ana Miranda.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, á súa chegada ao Aeroporto de Santiago após ser retenida por Israel. (Foto: Nós Diario)

Na madrugada do 29 de xuño de 2015 o Exército israelí retiña e posteriormente deportaba a deputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda. O incidente, que a parlamentaria cualificou de secuestro e de "acto de pirataría", produciuse após interceptaren as forzas de Tel Aviv, en augas internacionais, o buque Marianne da III Flotilla Liberdade, cando se dirixía ao porto de Gaza co obxectivo de "romper o bloqueo" e ofrecer axuda humanitaria.

Canda Miranda viaxaban no barco diferentes membros da Flotilla Internacional, de Rumbo a Gaza, xornalistas, parlamentarios europeos, o deputado árabe-israelí Bassel Ghattas e o ex presidente tunesino Moncef Marzouki. O Marianne transportaba paneis solares e equipamento médico.

A próxima semana, cando vai camiño de facer oito anos a súa expulsión, Miranda porá rumbo de novo a territorio palestino, desta volta como integrante da Delegación Palestina na Eurocámara. "Prometín que un día volvería a Palestina e así será", celebra, explicando que xa caducou a prohibición de entrada expedida após ser deportada.

A delegación está encabezada pola eurodeputada dos Verdes-ALE Margrette Auken e conformada por catro grupos parlamentarios. Están previstos diferentes encontros que abarcan eidos políticos e sociais, como as ONG que traballan na defensa dos dereitos humanos ou os partidos políticos palestinos, así como o ministro de Exteriores de Palestina, Riyad al-Maliki.

Os sindicatos de xornalistas ou a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA), que traballa no campo de refuxiados de Nablus, recibirán tamén esta representación europea.

Tamén se programaron reunións diplomáticas en relación ás políticas de reasentamento e demolicións que está a executar o Goberno israelí e que foron denunciadas en distintas resolucións do Parlamento Europeo e da ONU. Ao longo deste roteiro, Ana Miranda visitará Xerusalém, Ramalah, Nablus e Gaza.

A eurodeputada nacionalista subliña o "compromiso do Bloque cos pobos oprimidos", entre os que destaca o palestino, "que nos territorios ocupados sofre un brutal bloqueo e unha total vulneración de dereitos humanos".

Comentarios