Os presidentes de Catalunya e Euskadi rexeitan verse con Feixoo

Aran demanda o uso do aranés no Congreso. A lingua oficial en Catalunya quere equipararse a galego, catalán e éuscaro.
Pedro Sánchez a terza feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez a terza feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Pere Aragonès e Iñigo Urkullu, presidentes de Catalunya e Euskadi respectivamente, rexeitaron a terza feira reunirse co presidente do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, durante a rolda de reunións con líderes territoriais anunciada pola formación conservadora de cara á sesión de investidura programada a finais de setembro, para a que Feixoo non conta cos votos necesarios para obter a Presidencia.

“Non hai nada que falar entre Aragonès e Feixoo sobre unha hipotética investidura entre PP e Vox”, informou a Generalitat. A formación do presidente catalán, Esquerra Republicana de Catalunya, está a negociar, entre outras cuestións, unha lei de amnistía para as e os independentistas cataláns perseguidos pola Xustiza española co PSOE, chave para que o actual presidente en funcións, Pedro Sánchez, poida aspirar a manter o cargo.

En paralelo, Urkullu incidiu en que a ultraespañolista Vox condiciona “si ou si” as políticas do PP, algo que vai en contra dos principios do Partido Nacionalista Vasco, sostivo.

O presidente vasco apuntou que desenvolvería onte unha conversa telefónica con Feixoo, ratificando que a forza soberanista “foi moi clara tanto en campaña como no tempo despois das eleccións”, período no que descartou en distintas ocasións negociar sequera co PP a investidura de Feixoo. Tamén advertiu que a rolda de negociacións corresponde aos partidos e non aos líderes territoriais.

A primeira destas xuntanzas do PP con outras organizacións decorrerá a cuarta feira, cunha reunión entre Feixoo e Sánchez ás 10 horas no Congreso.

A voceira do Goberno español e ministra de Política Territorial por parte do PSOE, Isabel Rodríguez, acusou Feixoo de mentir á poboación e de “tomarse un mes” antes da investidura cando sabe que “vai perder”, e remarcou que a súa participación na xuntanza só responde á designación de Feixoo por parte do rei español Felipe VI como candidato á investidura.

Asemade, o PSOE presentou un recurso perante o Tribunal Constitucional á decisión do Tribunal Supremo de non aceptar a súa petición de revisar arredor de 30.000 votos nulos na Comunidade de Madrid nas eleccións do 23 de xullo, nunha demarcación na que o PP ficou co último escano por 1.200 votos.

No que atinxe ao uso de galego, catalán e éuscaro no lexislativo, a síndica de Aran, Maria Vergés, remitiu unha carta á presidenta da Cámara Baixa, Francina Armengol, para que permita o uso do aranés, unha lingua oficial de Catalunya.

Comentarios