23-X

O PNV reafírmase no 'non' a Feixoo ante as presións do PP para que se sume a Vox na investidura

"Xa fixamos a nosa posición con meridiana claridade", salientan os 'jeltzales', logo de que varios dirixentes 'populares' instasen o PNV a apoiar a investidura de Feixoo tras aceptar a extrema dereita non entrar no Goberno español.
Aitor Esteban e Andoni Ortuzar, nun acto de campaña. (Foto: H.Bilbao / Europa Press)
photo_camera Aitor Esteban e Andoni Ortuzar, nun acto de campaña. (Foto: H. Bilbao / Europa Press)

O PNV insistiu esta segunda feira no seu rexeitamento a negociar a investidura de Alberto Núñez Feixoo como presidente do Goberno español, logo de que nas últimas horas diferentes líderes do PP instasen publicamente os jeltzale a reconsiderar o seu veto tras afirmar o partido de extrema dereita Vox que apoiaría Feixoo aínda sen entrar no seu Executivo.

A formación dirixida por Andoni Ortuzar lembrou, a través das redes sociais, que o pasado 24 de xullo, un día despois das eleccións estatais, o Euskadi Buru Batzar, a Executiva do PNV, "fixou a súa posición con meridiana claridade" en contra de iniciar conversacións para investir o candidato 'popular', e así llo fixeron saber ese mesmo día, desbotando calquera posibilidade de pacto.

"Ante o intento dalgúns actores políticos e mediáticos, tanto en Euskadi como en España, de construír unha realidade alternativa, estimamos oportuno e conveniente refrescar a súa memoria", sinalan os jeltzales, que lembran a decisión que adoptou a dirección do PNV na reunión decorrida en Sabin Etxea ese 24 de xullo, e o comunicado que posteriormente fixeron público.

Foi o propio Ortuzar quen na noite das eleccións comunicou a decisión ao presidente do Partido Popular, quen tratara de contactar con el previamente ao longo desa xornada, para trasladarlle a negativa do seu partido a iniciar as conversas.

Durante as semanas anteriores, os máximos dirixentes do PNV xa advertiran, en reiteradas ocasións, de que non entrarían, "de ningunha maneira", na ecuación PP-Vox, referíndose non só a que a formación de Santiago Abascal entrase no Executivo, senón tamén a que os 'populares' se apoiasen no ultraespañolismo para gobernar.

A oposición dos nacionalistas foi aínda máis clara cando, tras os comicios municipais do pasado 28 de maio, o PP comezou a "meter nas institucións" noutras comunidades autónomas e entidades locais a Vox. "Cruzou unha liña vermella", aseguraron desde o PNV.

O apoio do grupo que no Congreso lidera Aitor Esteban sería imprescindíbel para que Núñez Feixoo puidese ser investido, pois non abonda a suma dos 137 deputados e deputadas do PP, os 33 de Vox e os que aportarían UPN e Coalición Canaria: 172 en total, seis por baixo da maioría absoluta.

Comentarios