Catalunya

Aragonès suxire debater no exterior para que participe Puigdemont

O presidente catalán propón un debate a tres co PSC.
Pere Aragonès, a sexta feira. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès, a sexta feira. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

Perante o exilio no que se atopa o ex presidente catalán e candidato de Junts nas eleccións territoriais adiantadas do 12 de maio, Carles Puigdemont, o actual mandatario, Pere Aragonès, que encabeza a lista de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), defendeu a sexta feira que se Puigdemont “quere” debater “en Perpinyá [capital da Catalunya Nord], Waterloo [Bélxica], ou onde sexa, pois farémolo”.

Aragonès salientou que nese debate, para “falar de propostas de futuro de Catalunya”, debería participar tamén o candidato do Partit dels Socialistes (PSC-PSOE), Salvador Illa, que alcanzou en 2021 a primeira praza a nivel de votos con menos de 50.000 sufraxios máis que ERC. Con todo, apunta que se Illa non acepta desenvolver a discusión fóra do país está disposto a levalo a cabo só con Puigdemont, “onde sexa e cando for”.

A terceira forza soberanista catalá con representación, a Candidatura d’Unitat Popular (CUP), incidiu por medio da súa candidata, Laia Estrada, que un debate entre ERC, Junts e PSC sería “entre socios”, posto que “mantiveron o mesmo modelo de políticas” dando prioridade “aos intereses da patronal e de Foment del Treball [a principal patronal catalá]”, e ironizando con “que o modere Josep Sánchez Llibre”, o seu presidente.

Puigdemont só poderá regresar a Catalunya sen risco de ser detido após a aplicación da lei de amnistía, que se prevé sexa aprobada polo lexislativo estatal despois das votacións.

A pesar da inminencia da norma, o Tribunal de Contas español reactivou a causa contra o proceso de autodeterminación catalán e demandou á acusación que presente as súas conclusións, todo isto enmarcado na ofensiva do sistema xudicial español, controlado polos conservadores, contra a lei.

Eleccións vascas

Xa en Euskadi, na primeira xornada da campaña electoral de cara aos comicios do 21 de abril, Imanol Pradales, o elixido polo Partido Nacionalista Vasco (PNV) para substituír Iñigo Urkullu, trasladou a súa preocupación polos “cambios de opinión” do presidente estatal, Pedro Sánchez, incidindo en que podería ter tras as eleccións a tentación de facer unha “pamplonada”, en alusión ao apoio do PSOE a EH Bildu para que a forza nacionalista goberne Iruña, a capital de Nafarroa. En todo caso, o PSOE reiterou en múltiples ocasións que apostará por reeditar a coalición co PNV.

Poucas horas antes, o candidato de EH Bildu, Pello Otxandiano, reclamou o voto para rexenerar a política no país e “acabar co status quo que estivo vixente e en vigor durante tantos anos”.

Comentarios