Catalunya

Aragonès propón un referendo de independencia co modelo escocés: así sería o plebiscito

"Quere que Catalunya sexa un Estado independente?", a pregunta da hipotética votación.
Pere Aragonès, a terza feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès, a terza feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O presidente catalán, Pere Aragonès (ERC), defendeu a terza feira a realización dun referendo de independencia, tras recibir o informe ao respecto encargado ao Institut d’Estudis de l’Autogovern, e considerou como “vía óptima” a aplicación do artigo 92 da Constitución española, que sostén que “as decisións políticas de especial transcendencia poderán ser sometidas a referendo consultivo”.

“Quere que Catalunya sexa un Estado independente” sería a pregunta da votación, inspirada no plebiscito de independencia que decorreu en 2014 en Escocia, e que foi acordado con Londres. O mandatario detallou que é “unha pregunta con resposta binaria para un referendo sen requisitos de quórum de participación e que nos ofrecería un mandato claro para resolver o conflito político entre Catalunya e o Estado español”.

O informe indica que ademais do artigo 92, tamén se podería reformar a normativa que regula os referendos ou que o Estado delegase as súas funcións para autorizalos, o que requiriría dunha lei orgánica. “É importante subliñar que o actual marco constitucional ofrece diferentes vías”, polo que votar arredor da independencia é “só unha cuestión de vontade política, como a amnistía”, apuntou Aragonès, asegurando que é hora de afrontar a etapa de negociación co Estado.

En 2017, Catalunya organizou un referendo de independencia non recoñecido por Madrid, que suspendeu a autonomía do territorio e perseguiu, entre outras, persoas que lideraban o movemento independentista, o que levou á metade do Goberno liderado por Carles Puigdemont (Junts) ao exilio e á outra metade á prisión. 90% dos sufraxios apoiaron a secesión, con 8% en contra e unha participación de 43% a pesar da represión policial desatada contra o proceso.

Pilar Alegría, voceira do Executivo español, circunscribiu a proposición ás eleccións anticipadas en Catalunya do 12 de maio, reiterando que un referendo “non está na folla de ruta da concordia” que, recalca, mantén o Gabinete, incidindo que esta votación é “diametralmente oposta” á posición de Madrid.

No tocante á lei de amnistía que beneficiará as persoas independentistas catalás represaliadas, o comisario de Xustiza da Unión Europea (UE), Didier Reynders, afirmou que a aplicación da norma quedará paralizada se o sistema xudicial español, controlado polos conservadores, presenta cuestións pre xudiciais ao Tribunal de Xustiza da UE, un dos mecanismos ao que a maxistratura programaba apelar para obstaculizar a súa vixencia.

Comentarios