Portugal decide o seu futuro nas autárquicas deste domingo

A reconstrución social e económica de Portugal tórnase protagonista nas eleccións autárquicas que este domingo 26 de setembro decorren en Portugal, sen grandes mudanzas para Lisboa e Porto.
Portugal vota o seu futuro (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press / Contactophoto )
photo_camera Portugal vota o seu futuro (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press / Contactophoto )

Ás 8 da mañá deste domingo 26 de setembro abriron as urnas para que a poboación de Portugal elixa nas eleccións autárquicas as persoas que liderarán durante os vindeiros catro anos os 308 municipios lusos e as 3.091 freguesias. Estes comicios, cuxos resultados terán moitas lecturas a nivel estatal, serven para escoller a Presidencia da Câmara Municipal e os membros das Assembleias Municipais de Freguesia.

Así pois, nos colexios electorais este domingo hai tres papeletas: para decidir quen gobernará as Câmaras e quen conformará as Assembleias Municipais e as Assembleias de Freguesia, que é de onde sae electo o presidente da Junta de Freguesia.

As enquisas manteñen Lisboa na man do socialista Medina mais sen maioría absoluta

As enquisas son favorábeis para o actual presidente da Câmara de Lisboa, o socialista Fernando Medina, que encabeza a candidatura da coalición Mais Lisboa (Partido Socialista máis a formación Livre). O estudo do Centro de Estudos e Sondagens de Opinião da Universidade Católica (con 1.292 inquéritos) para a Rádio e Televisão de Portugal (RTP) dá 37% de voto para Medina, resultado inferior ao das últimas autárquicas, e sinalan difícil (mais non imposíbel) unha maioría absoluta.  

Carlos Moedas, da coalición Novos Tempos (PSD, CDS-PP, PPM, MPT e Aliança) fica con 28%, o cal implicaría duplicar os resultados obtidos polo PSD nos comicios anteriores, en 2017. Con todo, esta previsión non mellora a suma de apoio que tiveron por separado as dúas formacións conservadoras, o PSD e o CDS-PP, que agora acoden en coalición.

O vereador João Ferreira lidera a lista da coalición do Partido Comunista Português cos ecoloxistas do PEV, a CDU, que as enquisas manteñen como  terceira forza política na capital, con 11% de voto.

A candidatura de Beatriz Gomes Dias reúne 7% de apoio, co que o Bloco de Esquerda mantería o seu actual representante na Câmara.

A Câmara de Lisboa conta con 17 vereadores. Nas últimas eleccións o PS obtivo 42% do voto e oito vereadores. A segunda forza foi CDS-PP, con 20,59% e catro representantes, mentres que a dereita do PSD obtivo 11, 22% e dous asentos, os mesmos que a CDU (9,55%) de voto. O Bloco de Esquerda tivo un vereador, con 7,14% de voto.

Segundo as enquisas quedarían sen vereadores na Câmara o PAN (Pessoas-Animais-Natureza), con 3% de voto, así como a ultradereitista Chega (3%).

As sondaxes reforzan Rui Moreira no Porto

Os inquéritos publicados na última semana dan ao actual presidente da Câmara do Porto 45% dos votos, o que significa que o candidato independente Rui Moreira, co seu movemnro Aqui há Porto, pode renovar a maioría absoluta que obtivo en 2017. Así o indica a sondaxe da Universidade Católica para a RTP, con 1.041 electoras e electores enquisados.
A batalla estaría pois polo segundo posto, que a enquisa dá para o socialista Tiago Barbosa Ribeiro, con 17% de voto. O terceiro lugar sería para o candidato do PSD, Vladimiro Feliz, que pode alcanzar 14%.

Nas autárquicas de 2017, Rui Moreira obtivera maioría absoluta na Câmara con 44,46% dos votos. Os socialistas obtiveron 28,55% e PSD-PPM 10,39%. Así, o movemento de Moreira fíxose con sete vereadores na Câmara Municipal, mentres que o PS elixiu catro e o PSD un, mesmo número que a CDU.
De se confirmaren estes resultados, o PS perdería 11 puntos porcentuais de apoio respecto a 2017 e o PSD subiría catro.

A cuarta posición sería para a CDU e a súa candidata Ilda Figueiredo, con 7%.

Sérgio Aires (Bloco de Esquerda) tería 4% de voto.

Chega e PAN ficarían sen vereadores, ao teren 3% de apoio cada un.

António Costa chama a votar PS nun momento único de reconstrución

Os partidos encetan a xornada deste domingo após un feche de campaña en que os seus líderes baixaron a area para traballarse até o último voto.

O secretario xeral do Partido Socialista e presidente do Goberno portugués, António Costa, puxo o ramo á campaña en Viseu, nun acto de apoio ao candidato socialista á Presidencia da Câmara Municipal, João Azevedo.

Costa chamou a utilizar "a oportunidade única" que representa o Plano de Recuperação e Resiliência (PRR) para "fazer o que nunca foi feito" e "mudar estruturalmente" Portugal. “É preciso”, dixo Costa, “aproveitar o PRR com vontade de efectivamente mudar estruturalmente" o país.

"É uma oportunidade para um país que está a investir na modernização da Linha da Beira Alta, na modernização da Linha da Beira Baixa, das novas ligações transfronteiriças que têm aqui ao lado [em Espanha] um mercado de mais de 50 milhões. É para esse mercado que nós temos que olhar e não só para nós, que só somos 10 milhões", salientou.

Os liberais, contra a intervención na economía e os impostos

Facer fronte á “decadência” do país e ao “poder absoluto do PS” foron as palabras de orde do presidente da Iniciativa Liberal (IL), João Cotrim de Figueiredo, no acto de encerramento da campaña en Lisboa. Desde a capital lusa, asegurou que "cada vez mais portugueses sabem que o futuro é liberal, porque os portugueses estão fartos da decadência em que Portugal se encontra, estão fartos do marasmo de cada uma das terras onde vivem, fartos da falsa esperança e necessidade de emigrar para singrar na vida, fartos do poder absoluto do PS”.

A campaña da Iniciativa Liberal centrouse en criticar as cargas fiscais, os monopolios na prestación de servizos públicos e a intervención do Estado na economía, o que denominan como “omnipresença na economia nas vidas das pessoas”, que exemplificou coas prioridades do Plano de Recuperação e Resiliência (PRR) e cos 4 mil millóns de euros que o Goberno luso vén de pór na aeroliña TAP

Bloco de Esquerda quere ser decisivo

A coordenadora bloquista, Catarina Martins, afirmou que "não há partido mais determinado numa mudança na política autárquica do que o BE”. Así se pronunciou no encerramento de campaña nun apelo contra as maiorías absolutas e a abstención.

“Não há partido mais determinado numa mudança na política autárquica. Têm visto nas últimas décadas como a alternância dos mesmos partidos em tantos concelhos deixou de trazer propostas que sirvam o país", explicou, pondo como exemplo as políticas en materia de vivenda, medio ambiente, igualdade e infraestruturas básicas.

A CDU, a alternativa comunista e verde busca recuperar os seus bastións

A CDU, a coalición formada polos comunistas do PCP e o Partido Ecologista Verde, fechou campaña en Almada, o histórico bastión comunista que a CDU perdeu hai catro anos en favor do PS, e que tenta agora recuperar. O secretario xeral do PCP, Jerónimo de Sousa, fechou alí a campaña.

De Sousa amosouse confiando en que o domingo “Almada retomará o trabalho de honestidade e competência que viu interrompido” a partir de 2017. “A vitória de Maria das Dores Meira [a candidata] vai acabar a frouxidão de uma gestão casuística que se limitou a navegar ao sabor do vento sem pensar em construir o futuro”, dixo

Finalmente, nun masivo acto en Lisboa, De Sousa afirmou que “as pessoas conhecem o nosso trabalho e a nossa intervenção. Conhecem o valor que tem a acção da CDU em cada freguesia e município. Conhecem o apoio que aqui encontram para cada luta que travam em defesa dos seus direitos. Sabem o valor acrescido que daí resulta se essa força for ainda maior. Como vai ser no próximo Domingo”.

Comentarios