Festival de Almada: o público é quen máis ordena

Reproducimos a seguir a reportaxe de Manuel Xestoso 'O público é o que máis ordena', publicada no Nós Diario de 8 de xullo de 2020 e que mereceu o Grande Prémio de Jornalismo Internacional Carlos Porto
Unha escena do 'Hipólito' de Eurípides, dirixido por Rogério de Carvalho, que abriu o Festival de Almada. (Foto: Rui Mateus) #almada #teatro #portugal
photo_camera Unha escena do 'Hipólito' de Eurípides, dirixido por Rogério de Carvalho, que abriu o Festival de Almada. (Foto: Rui Mateus)

O teatro está cheo. É dicir, ao cincuenta por cento da súa capacidade, que é o que permiten as novas normas de prevención de riscos tras a pandemia da Covid-19. En escena está Tiago Rodrigues, premio Europa de Teatro e director do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa. Está a representar By Heart, un espectáculo no que o dramaturgo portugués encadea anécdotas e improvisa monólogos mentres trata de aprenderlles de memoria a dez persoas do público un soneto de Shakespeare. Nun momento, Rodrigues párase para recitar e faise o silencio. Queda parado, como escoitando; logo sorrí, camiña até o proscenio e diríxese a audiencia: "Levo moitas semanas traballando en teatros baleiros, teatros que permanecían en silencio. Mais agora decátome de que o silencio dun teatro baleiro non ten nada a ver co silencio dun teatro cheo". No patio de butacas todos levamos máscara, pero o sorriso de cada un de nós faise evidente. By Heart é unha das montaxes que fan parte do Festival de Almada, o encontro que substitúe o silencio dos teatros baleiros polo silencio dos teatros cheos. Hai pouco máis dun mes pouca xente cría posíbel que un encontro destas características puidese ter lugar, mais o festival confiou no seu verdadeiro protagonista: o público.

Rodrigo Francisco, director do festival, explícanos que xa a principios de abril, cando nin sequera se sabía se os teatros poderían abrir, actuaron dun modo que acabou por ser orixinal: "antes de tomar ningunha decisión, procuramos saber que pensaba o público; fixemos unha enquisa entre as persoas abonadas e máis da metade responderon que, no caso de o festival celebrarse, renovarían a súa subscrición e acudirían. Mesmo algunhas persoas de idade, que tiñan medo pola súa saúde, responderon que non ían vir por precaución, mais que adquirirían o abono igualmente e que alguén iría no seu lugar. Iso deunos a forza para tomar a decisión de organizar esta edición mesmo antes de saber se sería posíbel".

"Durante a pandemia e o período de confinamento houbo moita polémica sobre a cuestión dos creadores, sobre a súa fraxilidade e sobre as carencias da profesión. Pero non se falou nada dos problemas do público. E eu creo que é moi importante falar disto, porque sen público non hai artistas", continúa Francisco. "Houbo demasiada présa por fechar os teatros públicos, por exemplo. Xa en marzo anunciaron que non abrirían até setembro: non entendo como se pode fechar un servizo público, financiado por todos, dese modo unilateral, cando nin sequera existía un parecer técnico que ditaminase cando é que se poderían retomar as actividades da vida cotiá", sentenza.

Na cafetaría do Teatro Municipal Joaquim Benite de Almada, mentres falamos, o deambular de xente con máscaras e fretando as mans co xel hidroalcohólico que se expende en puntos espallados por todo o teatro, non permite esquecer o inhabitual dunha edición coma esta. "Houbo que adaptar os horarios, multiplicar o número de funcións por espectáculo, estabelecer protocolos para asegurarnos de que en ningún momento se xuntaría demasiada xente ao entrar nin ao saír das obras, mais finalmente conseguimos toda a seguridade que se pode ofrecer nunha circunstancia como esta".

 Ademais da ocupación máxima do cincuenta por cento da capacidade dos espazos nos que se desenvolve o encontro, as máscaras son obrigatorias, hai pautas de entrada e saída para evitar aglomeracións, os horarios escaláronse para que non coincidan públicos de diferentes espectáculos… Por unha banda, hai algo de distópico en todo este dispositivo. Pola outra, todo se esquece cando se abre o pano. Hai ganas de ver teatro. "O público dixo que quería o festival e o festival fíxose", apostila Francisco.

Unha nova dimensión para o Festival de Almada

Polo Festival de Almada desfilaron nos últimos 37 anos todas as grandes figuras do teatro europeo e internacional: Roger Planchon, Peter Brook, Luc Bondy, Mathias Langhoff, Laura Betti, Luis Miguel Cintra, Patrice Chéreau, Cristoph Marthaler, Pippo Delbono, Romeo Castellucci, Robert Wilson… Esta edición, non obstante, enfócase principalmente no teatro portugués: por unha banda, polas dificultades para que as compañías internacionais circulen polo espazo europeo; pola outra, como un xesto de solidariedade cun sector que sairá moi prexudicado desta crise. A ocasión é perfecta para mostrar o bo momento polo que está a pasar a escena lusa. Creadores como Tiago Rodrigues, Nuno Cardoso, Nuno Carinhas, Tiago Correia, Isabel dos Santos ou o propio Rodrigo Francisco propoñen novas e interesantes miradas sobre unha realidade que semella a cada máis problemática.

E o feito de que sexa o Festival o que retome a actividade redimensiona o seu lugar dentro do sistema teatral portugués, outorgándolle un papel que, dalgún xeito, as autoridades perciben (nalgúns lugares, as autoridades son sensíbeis ao que sucede no mundo da cultura). O día da inauguración do Festival, a pasada sexta feira 3, o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, asistía a unha representación de Bruscamente no verão passado, dirixida por Carlos Avilez, na Sala Principal do Teatro Municipal, mentres o primeiro ministro, António Costa, sentaba na Sala Experimental do mesmo teatro para ver a versión de Mártir, de Marius von Mayenburg, dirixida polo propio Rodrigo Francisco.

Almada non é un festival que fuxa deste papel institucionalizador. Do mesmo modo que non limita as estéticas que están presentes no seu programa –no que conviven as tendencias máis variadas– tampouco elude a súa responsabilidade á hora de crear vínculos entre o histórico e o contemporáneo, entre os creadores que lle deron forma ao pasado e os creadores dos novos moldes que conterán o futuro. Todos os anos, o Festival bota a vista atrás para homenaxear algunha figura histórica, para celebrar un traballo que non sempre é o suficientemente recoñecido, para buscar as raíces do presente. O ano pasado, o homenaxeado foi Carlos Avilez, director do Teatro Experimental de Cascais e responsábel da versión de Bruscamente no verão passado que abriu a edición deste ano. En 2020, o actor Rui Mendes foi o galardoado nun deses exercicios de memoria que xeran lazos e que axudan a percibir un teatro nacional como un corpo vigoroso, unha práctica continuada no tempo e que acompaña o devir da sociedade.

Proxectando o futuro

A crise tamén pode deixar as súas ensinanzas. Por causas de forza maior o Festival estendeuse no tempo, e agora os seus responsábeis perciben que este alongamento –que permitiu aumentar as actividades de debate, os coloquios, os encontros entre público e artistas– deu lugar a un festival máis pausado. Rodrigo Francisco subliña o feito de que "agora temos máis tempo para conversar sobre o que vimos, para sentar e discutir sobre os contidos, en vez de estar correndo sempre dunha sala para outra. É probábel que esta forma de enfrontar o festival teña consecuencias nas edicións futuras, no modo de abordar o debate cívico que acompaña sempre ao teatro".

Polo de agora, aínda quedan tres semanas por diante para gozar do que esta edición pode ofrecer, que non é pouco. Castro, de Antonio Ferreira, dirixida por Nuno Cardoso e inspirada na vida e lenda da galega Inés de Castro, e Viagem de Inverno, de Elfriede Jelinek, dirixida por Nuno Carinhas, son dous dos pratos fortes desta vindeira fin de semana. O mundo é redondo, de Gertrude Stein, dirixida por António Pires, e Premio da Sociedade de Autores ao Mellor Espectáculo, achega frescura e atrevemento. Instruções para abolir o Natal, de Michael Mackenzie e dirixida por Isabel dos Santos, trata o tema da crise das subprimes de principios de século. E aínda quedan o exitoso Turismo de Tiago Correia, A criada Zerlina de Hermann Broch, dirixida polo cineasta João Botelho, Johan Padan a la descoverta de le Americhe, de Dario Fo e Franca Rame con dirección de Dario Fo e interpretada por un dos seus actores fetiche, Mario Pirovano… Toda unha panoplia de argumentos para nos enfrontar ao silencio dos teatros baleiros.

Comentarios