Manifestación masiva en Lima para exixir a renuncia de Dina Boluarte

Ademais desta e doutras mobilizacións, os cortes de estrada continúan no Perú.
Enfrontamento entre manifestantes e policías, esta terza feira, en Lima. (Foto: Lucas Aguayo Araos / DPA)
photo_camera Enfrontamento entre manifestantes e policías, esta terza feira, en Lima. (Foto: Lucas Aguayo Araos / DPA)

Milleiros de peruanas e peruanos dirixíronse esta terza feira cara á praza Dous de Maio de Lima, a capital, en resposta á convocatoria de entidades estudantís, sindicatos, organizacións sociais, labregas e indíxenas, para unha gran marcha nacional que se replicou nas principais cidades do país, mais que tivo especial incidencia en Lima, onde cada día chegan máis persoas procedentes do interior do Perú para participar nas protestas.

As mobilizacións exixen a liberación do ex presidente progresista Pedro Castillo, a renuncia da mandataria Dina Boluarte, eleccións inmediatas e o comezo dun proceso constituínte, unha opción descartada polos conservadores que dominan o Congreso, que amais tratan de manterse no posto cando menos até 2024.

Tamén a Fiscalía e os órganos xudiciais, controlados polas elites conservadoras, negan esta posibilidade. De feito, o Ministerio Público acusou os líderes das protestas en Ayacucho durante o xuízo na súa contra de terrorismo por promover unha asemblea constituínte.

Ademais desta e doutras mobilizacións, os cortes de estrada continúan no Perú, mentres os responsábeis do Executivo de Boluarte comezan a recoñecer o impacto que están a provocar as protestas no país, sen que transcenda ningunha intención de dimitir por parte da mandataria, apoiada principalmente polos militares e con varias denuncias pendentes polo seu papel nas mortes producidas pola represión.

O ministro de Comercio Exterior e Turismo, Luis Fernando Helguero, informou de que máis da metade das reservas turísticas para a primeira metade do ano foron canceladas. Ao tempo, repórtase desabastecemento de alimentos nalgunhas rexións e feches en varias minas. Cada día de protesta -após mes e medio de manifestacións- cústalle ao país máis de 50 millóns de euros, sinalou o Instituto Peruano de Economía.

Comentarios