Esta quinta feira ás 17 horas

Pleno de investidura exprés de Jordi Turull o día antes de comparecer ante Llarena

A resposta do soberanismo ao novo golpe do poder xudicial español non se fixo esperar. O president do Parlament, Roger Torrent, convocou o pleno de investidura de Jordi Turull para esta quinta feira ás 17 horas. Esta sexta feira o candidato ten de comparecer perante o xuíz Llarena, quen podería tomar a decisión de o enviar a prisión.

turull
photo_camera turull

Os acontecimentos sucédense a unha velocidade de vertixe. Ás 21.53 horas deu comezo unha conferencia de imprensa, de Roger Torrent. Nela avanzaba que proporía como candidato á investidura o ex conseller de Presidencia Jordi Turull, ao que Llarena atribúe os delitos de sedición, rebelión e malversación de fondos. "Todos somos conscientes das inxerencias [dos poderes xudiciais españois] sobre o Parlament das útlimas semanas", remarcou o president da cámara catalá, antes de anunciar que o pleno de investidura será esta quinta feira ás 17 horas.

"O pleno será para falar, para debater e finalmente para votar", afirmou Torrent, sen dúbida consciente de que en primeira instancia o candidato Turull non ten os apoios precisos (a maioría absoluta en primeira votación) para a investidura se consumar.

O obxectivo de JxCat e ERC -as formacións que apoian a investidura- é que Turull acuda esta sexta feira á citación do xuíz do Supremo Pablo Llarena xa investido como president da Generalitat.

Toda a presión colócase agora sobre a CUP, cuxos votos son precisos para a investidura de Turull se abrir paso. A formación anticapitalista convocou os meios esta mesma noite ás 22.45 horas.

NOTICIA EN AMPLIACIÓN.

Comentarios