A opción C do soberanismo, en perigo

Llarena volta a interferir nos planos de investidura ao citar Turull para esta sexta feira

A opción C do independentismo para a presidencia da Generalitat podería fracasar se esta sexta feira o xuíz Llarena ordena o ingreso en prisión de Jordi Turull. O poder xudicial español continúa a torpedear o normal funcionamento das institucións catalás.

turull
photo_camera Jordi Turull [Foto: NacióDigital]

Desde o 21D o poder xudicial español tense empregado a fondo para facer descarrilar as distintas iniciativas impulsadas desde o soberanismo catalán para investir un dos seus como president, após as forzas independentistas teren obtido a maioría absoluta nas eleccións do 21 de decembro de 2017.

O primeiro en caír foi Carles Puigdemont, cando o Tribunal Constitucional estabeleceu a doutrina de que, para ser investido president, era conditio sine qua non a súa presenza física na cámara. O político de Girona sinxelamente non podía facer acto de presenza porque en canto pisase territorio español sería detido e levado perante o xuíz.

A segunda opción falida foi a de Jordi Sànchez. Neste caso o xuíz Llarena negoulle o permiso preceptivo para saír da prisión, na que se acha, en réxime preventivo, baixo as acusacións de ter cometido os delitos de sedición, rebelión e malversación de fondos. Nas últimas horas Sànchez -por meio do seu avogado- tería anunciado a súa disposición a abandonar o seu escano e mesmo a política, con tal de convencer o maxistrado para ser posto en liberdade. Nen por esas. A Fiscalía desaconsella a súa excarcelación sob o argumento de que no seu caso concorre o risco de reiteración delictiva, perspectiva moi pouco plausíbel tendo en conta a súa vontade de se pór á marxe do procés e retornar á docencia.

Descartadas as opcións A e B, o bloco soberanista hexemónico -Junts per Catalunya e ERC- voltaron os seus ollos para Jordi Turull, ex conseller de Presidencia. Político da órbita de Puigdemont, está tamén imputado polos mesmos delitos que Sànchez, mais no seu día foi posto en liberdade en troca dunha fianza de 100 mil euros.

A vía Turull tampouco está blindada ás inxerencias xudiciais. No momento en que conclúa a instrución da causa por parte do Tribunal Supremo -o asunto, após ser sido declarado complexo, poderia prolongarse até o mes de abril de 2019-, o xuíz podería inhabilitar cautelarmente para o exercicio de cargo público calquera dos encausados. Isto significa que unha eventual presidencia de Turull podería ter data de caducidade. O soberanismo, consciente diso, podería xogar nese momento a baza da disolución da cámara e a convocatoria dunhas novas eleccións con carácter máis unha vez plebiscitario, non tanto arredor do procés, senón por volta das interferencias das autoridades españolas no funcionamento das institucións cataláns.

Pois ben, os problemas xa están aquí, non hai que agardar a abril de 2019. En plena negociación entre JxCat e ERC coa CUP para selar a investidura de Turull, o xuíz Llarena decidiu esta cuarta feira citar o ex conseller para a sexta feira, canda os tamén parlamentares Josep Rull, Dolors Bassa, Raül Romeva e Marta Rovira. A todos eles vailles comunicar se están procesados -ou non- por un delito de rebelión e se entrarán ou non en prisión.

O soberanismo manexaba a próxima semana como calendario para a investidura. A citación de Turull por parte de Llarena altera a axenda e obriga JxCat e ERC a teren que reprogramar todo e a facelo contra-reloxo. Mesmo non se desbota a hipótese que nas próximas horas se convoque un pleno exprés para esta quinta feira, coa investidura de Turull na orde do día. Outras opcións son a de propor a candidatura doutra persoa -sería o plano D- ou mesmo a de desistir e ir a novas eleccións.

Comentarios