martes 20/10/20

A (pen)última oportunidade para a UE

A decisiva e definitiva xuntanza de hoxe e mañá para definir as cantidades e as condicións finais do Fondo de Recuperación poscoronavirus, así como o Marco Financeiro Plurianual, podería non ser nin tan decisiva nin tan definitiva. As institucións europeas apreman a un acordo, mais os frugais non teñen présa ningunha. 
HANDOUT - 16 July 2020, Spain, Madrid: European Commission President Ursula von der Leyen lays flowers next to a cauldron during the state ceremony to honour the coronavirus (COVID-19) victims and people working on the front line to fight against the pandemic at the Royal Palace. Photo: Etienne Ansotte/European Commission/dpa - ATTENTION: editorial use only and only if the credit mentioned above is referenced in full
ONLY FOR USE IN SPAIN

HANDOUT - 16 July 2020, Spain, Madrid: European Commission President Ursula von der Leyen lays flowers next to a cauldron during the state ceremony to honour the coronavirus (COVID-19) victims and people working on the front line to fight against the pandemic at the Royal Palace. Photo: Etienne Ansotte/European Commission/dpa - ATTENTION: editorial use only and only if the credit mentioned above is referenced in full

16/7/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, durante a homenaxe ás vítimas da Covid-19 que se realizou onte en Madrid (Etienne Ansotte / dpa)

Os xefes de Estado e de Goberno dos países membros da UE reúnense hoxe e mañá, por primeira vez de forma presencial desde o inicio da pandemia, para acabar de definir as características do Fondo de Recuperación poscoronavirus e o Orzamento plurianual 2021-27. 

Tanto as institucións europeas como o Eixo franco-alemán e os países do Sur pretendían que fose a xuntanza definitiva, mais as reticencias dos catro frugais ─Austria, Dinamarca, Países Baixos e Suecia─ a cederen ante as pretensións dos primeiros foi desinchando as expectativas ao longo desta última semana.

O primeiro grupo ten unha débeda pública e un déficit moi elevados en comparación co segundo, que está previsto que se dispare aínda máis pola actual crise. Os frugais ─argumentan─ cumpren coa disciplina orzamentaria, teñen as súas finanzas saneadas e non queren pagar a conta acumulada polo resto.

Creada despois de dúas devastadoras guerras mundiais, o proxecto comunitario permitiu ao continente vivir o período máis longo de paz da súa historia. 2020 comezou coa primeira saída dun Estado membro en sete décadas de integración, e a resposta inicial ante a pandemia puxo en dúbida a suposta cohesión. O euroescepticismo ─a desconfianza nas institucións de Bruxelas─ continúa a medrar nos países tradicionalmente máis europeístas ─partidarios dunha UE cada vez máis federal─. A resolución do pulso actual no seu seo pode ser a última oportunidade para o seu futuro.

A proposta

Sobre a mesa está o plan da Comisión. En total propón case 1,1 billóns de euros (1,074, exactamente) para o Marco Financeiro Plurianual, o orzamento para 2021-27. E para o Fondo de Recuperación, 750.000 millóns de euros, dous terzos en subsidios e un terzo en préstamos. 

A maioría, 560.000 millóns de euros, correspóndense co chamado Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, creado para proporcionar "axuda financeira a grande escala para impulsar as reformas e os investimentos emprendidos polos Estados membros, co obxectivo de mitigar o impacto da pandemia da Covid-19 e de lograr que as economías da UE sexan máis resilientes e estean mellor preparadas para os retos que suscitan as transicións ecolóxica e dixital", explican desde a Comisión.

O Executivo di que "axudará os Estados membros a facer fronte aos retos sinalados no Semestre Europeo, en ámbitos como a competitividade, a produtividade, a sostenibilidade ambiental, a educación e as capacidades, a saúde, o emprego e a cohesión económica, social e territorial".

Todos os investimentos deberán estar centrados "nos retos relacionados coas transicións ecolóxica e dixital", insiste.

Poboación, PIB, paro

O importe máximo das subvencións para cada Estado vira determinado por unha ecuación que terá en conta a poboación, o PIB per cápita e o desemprego, que "será especialmente beneficiosa para os países máis afectados pola crise, en particular aqueles que teñen unha renda per cápita máis baixa e unha elevada taxa de desemprego". Os Estados do Sur ─Chipre, España, Grecia e Italia─ serían os máis beneficiados.

Para acceder ao Mecanismo, os países membros deben elaborar plans de recuperación e resiliencia, con reformas e investimentos até 2024, abordando "os retos sinalados no contexto do Semestre Europeo". Tanto as subvencións como os préstamos estarán suxeitos a alcanzar os obxectivos intermedios e finais definidos polos Gobernos.

O Fondo de Recuperación viríase á "rede de seguridade", aprobada xa por Bruxelas, de 540.000 millóns de euros: 240.000 millóns, a través do Mecanismo Europeo de Estabilidade; 200.000 millóns, polo Banco Europeo de Investimentos; e 100.000 millóns do Sure, o fondo contra o desemprego.

En total, o montante mobilizado pola UE ascende a 2,364 billóns de euros. Isto é, 17% da súa Renda Nacional Bruta (RNB), a maior porcentaxe das tres primeiras potencias económicas do mundo. A China ten previsto mobilizar unha cantidade equivalente a 4,2% da súa RNB, e os EUA, 15,9%, aínda que o impacto da Covid-19 foi desigual nas tres entidades.

For este for outro, a proposta que saia do Consello Europeo deberá recibir a aprobación por parte do Parlamento Europeo ─e no caso do Orzamento plurianual, tamén o visto bo dos Parlamentos estatais─. 

Dentro da Eurocámara, ademais das divisións territoriais están as ideolóxicas: a dereita quere estabelecer condicións máis severas de acceso; a esquerda alerta de novas medidas de austeridade como as que sucederon á Gran Recesión.

Outro polo de conflito: os catro de Visegrado

Á oposición dos frugais a proposta da Comisión, únese outra fronte que complica o acordo. É o Grupo de Visegrado, que conforman República Checa, Eslovaquia, Hungría e Polonia. Con Gobernos populistas e ultras, opóñense a que o acceso ao Fondo estea condicionado ao respecto dos valores europeos.

comentarios