Últimos movementos previos ao decisivo Consello sobre o Fondo de Recuperación

Os xefes de Estado e de Goberno dos países da UE manteñen múltiples contactos de cara ao Consello do 17 e 18 de xullo –o primeiro presencial– para aprobar o Fondo de Recuperación pos-Covid 19. Ante as malas previsións económicas, a Comisión Europea aprema a un acordo.
07 July 2020, Portugal, Lisbon: Portuguese Prime Minister Antonio Costa (R) meets with his Italian counterpart Giuseppe Conte at the Sao Bento Palace, in preparation for the next meeting of the European Council which will be held in Brussels on 17 and 18 July 2020. Photo: Pedro Fiuza/ZUMA Wire/dpa
ONLY FOR USE IN SPAIN

07 July 2020, Portugal, Lisbon: Portuguese Prime Minister Antonio Costa (R) meets with his Italian counterpart Giuseppe Conte at the Sao Bento Palace, in preparation for the next meeting of the European Council which will be held in Brussels on 17 and 18 July 2020. Photo: Pedro Fiuza/ZUMA Wire/dpa

7/7/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Os primeiros ministros de Italia e Portugal, Giuseppe Conte e Antonio Costa, esta semana en Lisboa ( Pedro Fiuza / ZUMA)

Na segunda feira reuníronse António Costa e Pedro Sánchez, primeiros ministros portugués e español, en Lisboa. Na terza, tamén na capital de Portugal, fixérono Costa e o seu homólogo italiano, Giuseppe Conte. E onte, en Madrid, foi a quenda da xuntanza italo-española. O obxectivo: preparar unha estratexia común de cara á decisiva batalla no Consello Europeo da vindeira semana, o primeiro presencial desde que comezou a pandemia e do que podería saír o Fondo de Recuperación. Non son as únicos movementos. Todos os líderes, no Sur e no Norte, manteñen estes días conversas bilaterais previas a ese encontro do 17 e 18 de xullo. 

O pulso continúa entre os frugais ─Austria, Dinamarca, Países Baixos e Suecia─ e os países pro cohesión. Francia e Alemaña, que sorprendentemente abandonou o bando dos primeiros, presentaron o 18 de maio unha proposta que contemplaba 500.000 millóns de euros a través de subvencións non reembolsábeis. Nove días despois, a Comisión ─que preside Ursula von der Layen, ex ministra de Angela Merkel─ fixo a súa: 500.000 millóns de euros en subvencións e 250.000 millóns en préstamos.

Os frugais pulan por que todo o diñeiro sexa reembolsábel, xa que as subvencións ─din─ terían que ser pagadas por todos os contribuíntes da UE. Ademais, insisten en que vaian acompañadas por reformas estruturais e un control exhaustivo das contas. Especialmente en Italia, todo o que soe a troika provoca arrepíos.

Caídas de máis de 10%

Desde Lisboa, con Costa ao seu carón, Conte manifestou ante os medios: "Non aceptaremos un compromiso feble". "A resposta ten que ser forte e politicamente ambiciosa", engadiu o primeiro ministro de Italia, o Estado da UE máis golpeado economicamente pola pandemia. 

Ese mesmo día, a Comisión presentaba as previsións económicas do verán, cunha revisión sobre a evolución do produto interior bruto (PIB) e da inflación respecto a maio. Para Italia estima unha caída de até 11,2% en 2020 (e 10,9% para España, 10,6% para Francia e 9,8% para Portugal; e 8,3% para o conxunto da UE). 

Ante este panorama, desde a o Executivo comunitario presionan para que o acordo entre posturas opostas chegue xa. Do contrario ─afirmou tamén na terza feira desde Bruxelas o comisario de Orzamento e Administración, Johannes Hahn─ "entraremos en dificultades". Hahn, austríaco, sostivo que para relanzar a economía cómpre aprobar o Fondo de Recuperación proposto pola Comisión, así como o orzamento plurianual para 2021-2027 de 1,1 billóns de euros.

"A xente agarda que os políticos sexan capaces de tomar decisións e necesitan ver confianza", afirmou no transcurso dun evento organizado polo think tank Bruegel. "Se non hai confianza, nin esperanza, non hai consumo, e se non hai consumo non hai investimento", engadiu Hahn, membro do Partido Popular Austríaco, o ÖVP do primeiro ministro Sebastian Kurz, un dos máis firmes frugais. 

Reformas

Alén disto, o comisario insistiu en que cumpría aprobar o Fondo canto antes para que as institucións, no caso de haber unha segunda vaga de coronavirus, estean "preparadas financeiramente para afrontar tal reto".

Nunha recente entrevista para Euronews, Hahn sinalaba que "os chamados frugais deben entender que se trata dun investimento. Investimos no mellor rendemento da economía europea e, aquí, creo que todo o mundo ten que contribuír e entender a interdependencia". 

Con todo, tamén se dirixía aos países do Sur, afirmando que o Fondo non se debe entender "como unha 'comida gratis', senón como o compromiso con certas medidas de reforma, que non só deberían axudar os países a se recuperar, senón tamén a seren máis resistentes e estaren mellor equipados no caso de haber unha próxima crise".

Cuestionado polo xornalista acerca de "exemplos concretos sobre as reformas para que os países poidan acceder aos fondos", o comisario Hahn poñía como mostra o Estado membro da UE máis dependente do sector turístico, Croacia. "Co fin de ter unha mellor distribución de riscos, é no interese de Croacia diversificar o seu sector empresarial. E isto é exactamente o que tratamos de lograr agora, utilizando, por así dicilo, a crise da Covid para investir na diversificación da economía de Croacia, fai que o país sexa máis resistente se algo sucede".

Países Baixos, entre calvinismo e ultradereita

Os Países Baixos lideran o grupo dos frugais e manteñen a postura máis firme en contra da mutualización das consecuencias da pandemia. Unha posición que se sustenta en dous piares, un histórico e outro de política interna. "Realmente ten que ver co noso contexto cultural. Somos unha nación de predicadores e de comerciantes, como se soe dicir", sinala Jos Versteeg, analista do banco neerlandés InsingerGilissen, á axencia AFP. "No Norte todo ten que ver co calvinismo e co protestantismo: vivir unha vida sobria, non facer ostentación da riqueza. No Sur hai unha cultura diferente", engade.

Mais segundo outros analistas, o ascenso dos partidos da extrema dereita está detrás da postura intransixente dos Países Baixos, que en 2021 organizan eleccións. É o caso do islamófobo Partido pola Liberdade, de Geert Wilders, e do euroescéptico Forum pola Democracia, de Thierry Baudet.

O primeiro ministro Mark Rutte reúnese hoxe coa súa homóloga alemá, Angela Merkel, nunha xuntanza que tamén pode ser chave. Porén, nunha recente entrevista no xornal italiano Corriere della Sera mantiña a súa postura a respecto das subvencións: "Queremos que sexan só préstamos".

Comentarios