Plan pos pandemia da Comisión Europea: máis impostos e reconstrución en 'verde'

A Comisión Europea presentou nesta cuarta feira, 27 de maio, o seu esperado plan de recuperación pos pandemia, que combina axudas en forma de transferencias a fondo perdido con préstamos. Solución intermedia entre os países do Sur, máis afectados e dependentes do turismo, e "os frugais": Austria, Dinamarca, Países Baixos e Suecia.
2020052715114298059
photo_camera A proposta do Executivo comunitario, que preside Ursula von der Leyen, será debatida polo Consello (Etienne Ansotte / dpa)

A maior recesión na historia da Unión Europea está en camiño. O impacto da pandemia da COVID-19 fixo que os Estados membros superasen xa virtualmente os estritos límites de déficit que impón Bruxelas co fin de manter os sistemas de saúde, os empregos e a industria con vida. 

Para os do sur, máis afectados pola pandemia e dependentes economicamente do turismo, especialmente España, Francia e Italia, a situación é máis comprometida debido á débeda pública que xa acumulan da Gran Recesión da década pasada. 

Segundo os últimos datos de Eurostat, España e Francia teñen perto de 100% de débeda respecto ao Produto Interior Bruto (PIB), mentres que Italia chega a 135%. Grecia e Portugal, menos golpeados polo coronavirus mais igualmente supeditados aos ingresos do sector turístico ─profundamente impactado polas restricións de mobilidade─ suman, respectivamente, 181% e 122%.

Esta é a cuestión que está na cerna da fenda interna da UE e que marcou a elaboración do plan de reconstrución presentado nesta cuarda feira pola Comisión Europea. Os "catro frugais", Austria, Dinamarca, Países Baixos e Suecia, os Estados máis reticentes a facer concesións económicas e cunha extrema dereita en ascenso meteórico, pularon por que as axudas estivesen condicionadas a devolucións e reformas, algo inasumíbel polos Gobernos do sur, que exixiron solidariedade federal e defenderon que esta irá no beneficio do conxunto.

A creación dos coronabonos, é dicir, emisión de débeda conxunta para conseguir financiamento con mellores intereses nos mercados estranxeiros, foi desbotada. A primeira ministra alemá, Angela Merkel, opúxose ao estabelecemento de novas ferramentas non recollidas nos tratados. 

Oferta e contraoferta

Merkel, nun primeiro momento aliñada cos frugais, foi moderando a posición e a semana pasada, canda o presidente francés, Emmanuel Macron, presentou un proxecto de fondo de recuperación de medio billóns de euros baseado en transferencias. Un modelo na liña do anunciado polo Executivo comunitario, aínda que este máis ambicioso economicamente (serán en total 750.000 millóns de euros), que non obstante tivo en conta a contraoferta dos frugais e contempla un modelo mixto de subvencións a fondo perdido ─os máis─ con préstamos a devolver ─os menos─. 

Tamén, como exixían, limita a dous anos a execución da reconstrución. Ademais, ten en conta o acordado no Consello Europeo do 23 de abril de utilizar os orzamentos plurianuais da UE (2021-2027) na reconstrución.

A respecto deste último punto, a Comisión propuxo a creación de novos impostos verdes para aumentar temporalmente o teito de recursos propios, de 1,2% a 2% do PIB. Tamén co obxectivo de poder acudir aos mercados á procura de financiamento en condicións favorábeis cos orzamentos plurianuais como garantía. Esta é a gran novidade do plan do Executivo comunitario.

Os tributos propostos recaerían sobre o plástico e sobre as emisións de CO2, na liña do Plan Verde e da transición ecolóxica con que arrancou esta Comisión en 2019, e co obxectivo dunha UE con pegada de carbono cero para 2050. Tamén, un imposto ao mercado interno para grandes empresas e unha taxa dixital. Xuntos, poderían xerar 300.000 millóns de euros. Mais este punto debe ser aprobado polos Parlamentos estatais, principal eiva de, por exemplo, os Países Baixos.

18 de xuño, Consello

Agora quedan por diante tres semanas de debate entre diferentes propostas antes de que o Consello, a xuntanza dos xefes de Estado e de Goberno, se reúna o 18 e 19 de xuño para aprobar o plan definitivo e poida comezar a funcionar o 1 de xuño coa inauguración dos novos orzamentos plurianuais. Con todo, desde a Comisión prevén que sexan necesarias reunións adicionais a finais dese mes ou a principios de xullo.

O plan de recuperación sumarase ao paquete de medidas de urxencia xa anunciado, que ascende a medio billón de euros: 200.000 millóns en préstamos a través do fondo de rescate (MEDE); outros 200.000 millóns en créditos do Banco Europeo de Investimentos; e 100.000 millóns do fondo contra o desemprego, Sure, aprobado pola Comisión.

"Punto de encontro"

O grupo Os Verdes-ALE do Parlamento Europeo cre que vincular o acceso aos fondos do plan de recuperación ao cumprimento da transición climática pode ser o punto de encontro entre as posturas encontradas no seo da UE. Así o expresaron onte os dous copresidentes na Eurocámara, a alemá Ska Keller e o belga Philippe Lamberts, nunha conferencia de prensa telemática.

"Non falamos das reformas neoliberais ofrecidas nos últimos 20 anos. De garantirmos que o diñeiro do fondo se canalice para financiar proxectos de interese común, temos un espazo onde se poden comprometer mesmo os catro frugais", dixo Lamberts.

Keller pediu "aprender doutras crises" do pasado e defendeu que a UE non exixa políticas de austeridade a cambio dos fondos, senón ligadas a "investimentos orientados cara ao futuro".

Comentarios