mércores 22/09/21

O pasado de corrupción acurrala a Fujimori

O fiscal da Lava Jato solicita a súa detención por violar a condicional.
EuropaPress_3770605_candidata_fuerza_popular_presidencia_peru_keiko_fujimori
Fujimori denunciou na segunda feira un suposto "fraude electoral" (Foto: El Comercio / Zuma)

O fiscal do equipo especial Lava Jato, José Domingo Pérez, solicitou esta quinta feira a detención preventiva da candidata presidencial peruana Keiko Fujimori, ao considerar que violou os termos da súa liberdade condicional, no marco da investigación na súa contra por un suposto delito de branqueo de diñeiro.

Pérez explicou que Fujimori incumpriu unha das restricións impostas a cambio de saír de prisión a principios de maio de 2020: non comunicarse con outras testemuñas do caso polo que está acusada de recibir financiamento ilegal a través da construtora Odebrecht para as campañas presidenciais de 2011 e 2016.

200.000 votos "nulos"

A petición do fiscal chega en pleno reconto dos últimos votos na segunda volta das presidenciais do pasado domingo. Co seu rival político, Pedro Castillo, como virtual vencedor dos comicios, a candidata de Forza Popular compareceu tamén onte ─acompañada por membros do seu equipo legal─ para informar que presentara accións de nulidade en 802 mesas electorais.

Serían uns 200.000 votos, que a formación de Fujimori agarda que "sexan retirados do reconto final" tras atoparse supostas "irregularidades". O Xurado Nacional de Eleccións (JNE, nas siglas en español) terá que pronunciarse agora se  admite esas accións de nulidade. 

O avogado e ex congresista de Forza Popular Miguel Torres manifestou que estas "irregularidades constatadas" deixan "claro" que "de maneira sistemática Perú Libre vulneraría o sistema electoral".

Fujimori asegurou que sempre será "respectuosa" co que determine o Xurado Nacional de Eleccións e a Oficina Nacional de Procesos Electorais (ONPE), aínda que insistiu en esperar "con prudencia e con serenidade" e analizar cada unha das peticións de nulidade.

O presidente do JNE dixo que "o sistema electoral do Perú está pensando para cousas de moi pouca dimensión en relación aos recursos impugnativos. O que está a pasar agora é extraordinario". A este respecto, dixo que a revisión levará varios días.

Máis de 70.000 votos

Segundo os últimos datos facilitados pola ONPE, Castillo (50,2%) mantiña a vantaxe sobre Fujimori (49,8%) por unha marxe de 70.136 votos, con 99,998% das actas procesadas e 99,191% das contabilizadas. 

comentarios