O partido da minoría danesa e frisoa volve ao parlamento alemán 70 anos despois

O novo deputado Stefan Seidler di que o resultado é "histórico e enorme para a minoría danesa".

ssw
photo_camera ssw

A Asociación de Electores de Schleswig Meridional (SSW), o partido que representa a minoría danesa e frisoa no estado alemán de Schleswig-Holstein, logrou nas eleccións do domingo un escano no Parlamento alemán por primeira vez desde 1949.

A formación recibiu 55.330 votos no voto proporcional, o 3,2% dos votos do estado, cun resultado especialmente alto nos distritos de Flensburgo-Schleswig, cun 9,2% do total dos votos e un 6,6% no do Nordfriesland-Dithmarschen. Debido a que o SSW representa unha minoría nacional, non está limitada polo 5% dos votos para poder entrar na Cámara lexislativa.

O cabeza de lista, o político de fala danesa Stefan Seidler, será o representante no Bundestag. O novo deputado subliñou que "é histórico e enorme para a minoría danesa" e reivindicou a necesidade de mirar máis cara a Escandinavia: "Que fan mellor en Dinamarca? A dixitalización é un bo exemplo no que Alemaña queda moi atrasada”.

O partido tamén pide que Schleswig-Holstein estea na axenda de Berlín, xa que cre que moitas veces están esquecidos polas autoridades federais e tamén pide máis financiamento e mellores infraestruturas na rexión.

O SSW non se presentou ás eleccións federais desde 1961 e agora fíxoo á luz dos bos resultados que obtivo durante a última década a nivel do lander. De feito, en 2012 asumiu responsabilidades de Goberno por primeira vez, dirixindo un ministerio.

Comentarios