O Parlamento da UE aproba a Lei de restauración da natureza

Após a luz verde do lexislativo da UE, a norma negociarase cos Estados membros na procura dun acordo que permita promulgala.
César Luena. (Foto: Frederic Marvaux)
photo_camera O deputado socialista César Luena. (Foto: Frederic Marvaux)

Por 336 votos a favor, 300 en contra e 13 abstencións, o Parlamento da Unión Europea (UE) validou a cuarta feira a Lei de restauración da natureza, que saíu adiante co apoio das forzas progresistas, soberanistas, ecoloxistas e liberais no lexislativo, e coa negativa dos partidos conservadores e de extrema dereita.

Na sesión tamén foi rexeitada unha emenda á totalidade do texto, unha peza chave do pacto verde europeo, do que tamén forma parte o compromiso para prohibir as substancias químicas perigosas non esenciais, que a Comisión Europea se prepara para rachar perante a presión da patronal e da principal forza conservadora no bloque comunitario, o Partido Popular Europeo.

Tras a aprobación da norma, o Parlamento da UE terá que negociar o paquete lexislativo co Consello da UE, onde en principio os Estados membros xa deseñaron un consenso para avanzar nunha redacción común, o que non garante, iso si, que o acordo se chegue a producir. “Esta lei é boa incluso para os que votaron en contra, así que agardo que se alegren”, sostivo César Luena, deputado do Partido dos Socialistas Europeos e responsábel da proposta lexislativa.

O Partido Popular, secundando a posición das grandes explotacións agrícolas, lograra que as comisións de Agricultura e Pesca rexeitaran a proposta antes de chegar ao Pleno, mentres que na comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria o resultado foi de empate entre ambos os bloques.

Ademais, nos últimos meses lanzou unha campaña alertando dos efectos da norma na que chegou a afirmar que acabaría cos espazos urbanos para substituílos por zonas verdes, poría en risco a subsistencia de labregos e mariñeiros, diminuíndo a produción de alimentos, ou perturbaría as cadeas de subministración, ao tempo que elevaría o prezo dos alimentos.

20% do territorio

A nova Lei, se acaba sendo sancionada na súa forma actual, oriéntase a rehabilitar até 2030 20% do territorio da UE con ecosistemas degradados, tanto nas áreas terrestres como mariñas, fixando para 2050 ese obxectivo en todas as zonas degradadas, que alcanzan 80% dos hábitats e 70% dos chans do bloque comunitario.

En paralelo, brinda até o final desta década para reducir á metade o uso de pesticidas e fai énfase na inclusión de elementos paisaxísticos que aumenten a densidade de especies que polinizan as plantas.

Comentarios