Eva Kaili recoñece a súa implicación na rede de corrupción na UE

Por medio de Giorgi, insistiu, "as maletas de billetes pasaban polo seu apartamento".
A ex vicepresidenta do Parlamento europeo, Eva Kaili. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm)
photo_camera A ex vicepresidenta do Parlamento europeo, Eva Kaili. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm)

A ex vicepresidenta do Parlamento da Unión Europea (UE) Eva Kaili acabou por recoñecer que era consciente da "actividade" da súa parella, Francesco Giorgi, encargado de repartir os subornos entregados por Qatar e Marrocos entre o grupo de eurodeputados que forma parte da trama de corrupción no seo da institución, e que buscaba influenciar a favor dos intereses dos países árabes, revelou esta terza feira Le Soir.

Por medio de Giorgi, insistiu, "as maletas de billetes pasaban polo seu apartamento" en Bruxelas. Asemade, a eurodeputada grega confesou que ela "deu instrucións ao seu pai para que agochase os cartos".

O proxenitor foi atopado pola Policía belga nun hotel cunha maleta con 600.000 euros en efectivo, o que permitiu evitar a súa inmunidade ao estarse a cometer un delito flagrante.

Un tribunal de primeira instancia de Bruxelas determinará mañá se Kaili é liberada ou continúa en prisión tras ser arrestada o 9 de decembro. Pola súa parte, Giorgi confesou o seu papel na rede de corrupción, na que tamén estaría implicado o eurodeputado belga Marc Tarabella.

No caso do líder da trama, o ex deputado da UE Pier Antonio Panzeri, en cuxo domicilio apareceron 700.000 euros, a Xustiza italiana está a analizar a extradición a Bélxica da súa filla, mentres que a da súa parella foi aprobada a segunda feira.

Ademais de Kaili, Panzeri e Giorgi, que siguen detidos, o cuarto apresado pola trama en Bélxica, Niccolo Figa-Talamanca, líder dunha ONG, foi liberado cun sistema de seguimento electrónico.

A Eurocámara négase a condenar Marrocos

A pesar de que a investigación comprobou como Rabat tiña unha implicación semellante á de Doha, conservadores e socialdemócratas no Parlamento da UE forzaron que na resolución contra o escándalo aprobada a semana pasada non se mencionara a participación de Marrocos.

Comentarios