A UE cede á patronal e non vetará os produtos químicos perigosos

Até 17.000 áreas están contaminadas por 'químicos para sempre' na UE e no Reino Unido, así e todo, Bruxelas disponse a dar marcha atrás no compromiso asumido en 2020.

Ursula von der Leyen (Foto: Nicolas Landemard / Europa Press / Contacto).
photo_camera Ursula von der Leyen. (Foto: Nicolas Landemard / Europa Press / Contacto)

Malia que en 2020 a Comisión Europea acordou “prohibir os produtos químicos máis daniños nos produtos de consumo, permitindo o seu uso só cando sexa esencial”, un estudo sobre o novo regulamento ao respecto que prepara Bruxelas filtrado na terza feira por The Guardian corrobora que o Executivo da Unión Europea (UE) renunciará a ese obxectivo “baixo a forte presión da industria química europea e os partidos políticos de dereita”.

Após a presentación do compromiso da UE, estimábase que serían prohibidas entre 7.000 e 12.000 substancias químicas perigosas en todos os produtos de consumo, vetando entre outros os coñecidos como 'químicos para sempre', compostos que non se descompoñen na natureza e que foron vinculados con casos de cancro ou doenzas hormonais e reprodutivas. Até 17.000 zonas na UE e no Reino Unido están contaminadas por estas substancias.

En todo caso, a proposta que avaliará a UE dá a elixir entre restrinxir 1%, 10% ou 50% dos produtos que conteñen estas substancias. Nese sentido, o medio británico apunta que “a UE normalmente selecciona a opción intermedia”.

A investigación remarca que 92% dos adultos da UE teñen rastros dun perturbador endócrino por mor do uso destas substancias. Ademais, 17% das crianzas están en risco pola exposición a ftalatos, que se relaciona con enfermidades reprodutivas e do desenvolvemento.

“O fracaso da UE para controlar os produtos químicos nocivos está escrito no sangue contaminado de case todos os europeos. Cada atraso trae máis sufrimento, doenza e até mortes prematuras”, incidiu Tatiana Santos, que lidera o departamento de produtos químicos da Axencia Europea de Medio Ambiente.

Santos fai énfase en que de consumarse a retirada do compromiso para a prohibición destas substancias “podería ser o cravo no cadaleito do acordo verde europeo, alimentando o cinismo sobre elites nas que non se pode confiar e que fan tratos con grandes grupos de presión tóxicos”.

“Prémennos para que sexamos menos estritos coa industria todo o tempo”, recoñeceu un funcionario da UE que pediu manter o anonimato, responsabilizando o Partido Popular Europeo da presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen.

O estudo do novo regulamento, que prevé ser lanzado a finais deste ano, recolle que mentres os custos para as empresas da prohibición destas substancias nocivas serían de entre 900 e 2.700 millóns de euros anuais, o aforro para o sistema de saúde sería de entre 11.000 e 31.000 millóns de euros cada ano.

Comentarios