Catalunya

A Xustiza europea retira a inmunidade a Puigdemont, Comín e Ponsatí

O Tribunal Xeral da UE desestima o recurso presentado polo ex president e ex consellers da Generalitat contra a decisión do Parlamento europeo de levantarlles a inmunidade. Puigdemont, porén, avanzou que recorrerá a sentenza.
O ex president Carles Puigdemont, nun congreso de Junts. (Foto: Glòria Sánchez)
photo_camera O ex president Carles Puigdemont, nun congreso de Junts. (Foto: Glòria Sánchez)

O Tribunal Xeral da Unión Europea confirmou esta cuarta feira, dous anos despois, a decisión do Parlamento europeo de levantar a inmunidade ao ex president da Generalitat de Catalunya e eurodeputado, Carles Puigdemont, nunha sentenza que afecta tamén os ex consellers e parlamentarios de Junts Clara Ponsatí e Toni Comín. Desta forma, desestima o recurso de Puigdemont contra a decisión da Eurocámara de suspender a súa inmunidade europarlamentaria, seguindo a petición do Tribunal Supremo español, co obxectivo de facilitar a súa extradición para ser xulgado no Estado español pola súa participación no procés soberanista catalán.

Contra esta decisión, con todo, aínda cabe presentar recurso de casación, no prazo de dous meses, algo que a defensa do ex president catalán, e el mesmo, xa adiantou que fará. "Non remata nada, todo o contrario. Todo continúa. Presentaremos un recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE, e defenderemos até o final os nosos dereitos fundamentais, que son tamén dereitos fundamentais dos cataláns e dos europeos. Co mesmo espírito que o primeiro día, traballando para gañar a liberdade", dixo, a través das súas redes sociais.

Puigdemont: "A disidencia política está máis ameazada en Europa"

"Traballamos moito por conseguir outra sentenza, mais tamén estivemos preparando o camiño a seguir no caso de que o resultado fose o anunciado hoxe. E estamos preparados para seguilo agora mesmo. Temos dous meses para presentar o recurso ante o máximo tribunal europeo, que despois terá seis meses para tomar unha decisión", afirmou Puigdemont, que tamén lamentou que, a raíz deste auto, "a disidencia política está máis ameazada en Europa". "As minorías políticas que defenden causas que incomodan os estados terán, de non reverterse esta sentenza, máis dificultades para exercer os seus dereitos", dixo.

Tamén o avogado dos tres ex dirixentes cataláns, Gonzalo Boye, confirmou os seguintes pasos a dar: "Desestímannos ambas as demandas, estudaremos os argumentos do Tribunal Xeral e isto obríganos a recorrer en casación, como fixemos en todas as ocasións anteriores".

A sentenza

Na súa sentenza, o tribunal bota por terra todos os motivos formulados polos tres deputados, en particular as súas alegacións sobre que o Parlamento europeo non tivo en conta que o proceso xudicial comezou coa intención de danar a súa actividade. Considera que o proceso xudicial español ten lugar nun momento en que a adquisición da condición de deputado europeo era "hipotética" e afectaba tamén outras persoas que non eran membros do hemiciclo. Neste senso, precisa que durante o suplicatorio "non corresponde ao Parlamento analizar a legalidade dos actos xudiciais españois", posto que esta cuestión é competencia exclusiva das autoridades estatais.

Igualmente, rexeita o argumento de que a Eurocámara foi parcial ao designar como relator o eurodeputado búlgaro de ultradereita Angel Dzhambazki, que pertence ao mesmo grupo parlamentario que Vox, ou que a comisión de Asuntos Xurídicos que pilota o suplicatorio organizase o tres expedientes nun mesmo caso. O tribunal con sede en Luxemburgo defende que nada impide que que se designe un único relator para examinar varios expedientes de inmunidade vinculados, cando os suplicatorios fan referencia a deputados obxecto dun mesmo proceso penal.

Sobre a designación de Dzhambazki, a sentenza recalca que o deputado que fai as veces de relator "por definición non é politicamente neutro" e encádrase nun grupo político. "Actúa, porén, no marco dunha comisión parlamentaria cuxa composición reflicte o equilibrio dos grupos políticos no Parlamento", sinala. Segundo os maxistrados, é "en principio irrelevante para a apreciación da súa imparcialidade" a pertenza ao grupo parlamentario e, aínda que sinala que comparte grupo con Vox, que promoveu o proceso penal contra os tres deputados, "non pode ampliarse, como regra, ao conxunto dos membros do grupo de Conservadores e Reformistas".

Comentarios