Medra a tensión no mar Vermello: os hutís atacan outro buque e a UE acorda patrullar a zona

Israel bombardea un almacén de subministracións da ONU en Gaza.
Persoas palestinas refuxiadas en Gaza pola agresión de Israel. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Persoas palestinas refuxiadas en Gaza pola agresión de Israel. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

O movemento antiimperialista hutí, que controla as áreas máis poboadas do Iemen, lanzou esta terza feira un ataque contra o barco de propiedade grega e bandeira maltesa Zografia, que navegaba en dirección a Israel, no terceiro incidente similar en 24 horas.

Os hutís reiteraron que continuarán impedindo o paso de navíos relacionados con Israel até a fin da agresión militar sionista contra a Faixa de Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualificaron de limpeza étnica e xenocidio.

Isto levou a petroleira británica Shell a suspender todos os envíos polo mar Vermello, que conecta co canal de Suez, a pesar da misión despregada polos Estados Unidos para protexer a navegación na área, e que tamén levou a varios ataques aéreos contra as posicións hutís.

Neste sentido, a axencia Reuters citou diplomáticos da Unión Europea (UE) que confirmaron que os Estados membros apoiaron crear unha misión naval que se una á iniciativa estadounidense. Asemade, Washington informou de que dous soldados ficaron desaparecidos fronte ás costas de Somalia na incautación dun navío con presuntos compoñentes de mísiles iranianos que se dirixían ao Iemen.

Novos bombardeos en Gaza

Xa en Gaza, Israel lanzou unha nova vaga de bombardeos indiscriminados contra a poboación civil no sur do territorio, e no centro da Faixa atacou un almacén de subministracións da ONU chave para distribuír a mínima axuda humanitaria que o Goberno de extrema dereita israelí permite que acceda.

A relatora especial da ONU para os territorios palestinos, Francesca Albanese, asegurou que “nunca pensei que seríamos testemuñas dunha fame masiva destas proporcións no século XXI”. Desde o 7 de outubro 24.285 persoas foron asasinadas por Israel en Gaza, entre elas máis de 10.000 crianzas.

Comentarios