Feixoo agradece o apoio de Ayuso e anunciará a súa decisión esta semana

O presidente da Xunta pide "respectar os tempos" malia que cada vez máis membros do PP apuntan que sería o candidáto idóneo para liderar o partido.
Alberto Núñez Feixoo atendeu os medios de comunicación esta segunda feira (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo atendeu os medios de comunicación esta segunda feira (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantén a incógnita sobre o seu futuro político e, aínda que practicamente todos no PP —e fóra do partido— dan por feito o paso adiante para relevar a Pablo Casado, pediu "respectar os tempos" e sinalou que anunciará a súa decisión a partir desta cuarta feira.

En declaracións aos medios antes de participar nun acto en Vigo, o tamén presidente do PPdeG lembrou que o Congreso Extraordinario para elixir o novo mandatario popular a nivel estatal aínda non está formalmente convocado, e remitiuse ás reunións que terán lugar esta terza feira, do Comité Executivo Nacional e da Xunta Directiva do seu partido.

Con todo, e após afirmar que só anunciará a súa decisión a partir desta cuarta, agradeceu o "apoio explícito" tanto da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, como do resto de presidentes territoriais do PP, aínda que lembrou que todos eles teñen "un voto" no Congreso, do mesmo modo que calquera militante de calquera lugar do Estado español.

Esta mesma segunda feira, o líder do PP en Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, enxalzou a "autoridade moral" e a "referencia" de Núñez Feixoo e avogou por afrontar con "unidade" o congreso da formación conservadora.

Tamén Juanma Moreno, presidente dos populares andaluces, apuntou que o mandatario galego pode ser un "revulsivo" contra o Goberno de Pedro Sánchez, e definiu Núñez Feixoo como "un home maduro, sensato, capaz e bo xestor" que pode "reforzar" o partido.

Aliás, o alcalde de Madrid e ex portavoz estatal do PP, José Luis Martínez-Almeida, engadiu: "Limítome a dicir que o importante é a unidade. Os españois non perdoarían que non fósemos capaces de construír unha alternativa desde a converxencia dos intereses do PP". Esa "unidade", dixo, "encárnaa" Feixoo.

"Espero que Feixoo dea o paso adiante para, arredor del, reforzar a imaxe do PP", concretou o alcalde popular de Málaga, Francisco de la Torre.

Comentarios