O mandatario galego desbota referirse ao partido como 'extrema dereita'

Feixoo, disposto a que o PP pacte con Vox en Castela e León

Feixoo reiterou onte a súa disposición a gobernar con Vox en Castela e León. O candidato á presidencia do PP e xefe do Executivo Galego defendeu que "non hai máis liñas vermellas que respectar a Constitución, o Estado das Autonomías, os nosos compromisos en materia de igualdade e a nosa formulación atlantista e europeísta". "O noso proxecto non é pensar se podemos pactar con este ou co outro senón que é gañar e alargar o PP".

6
photo_camera Feixoo, con outros dirixentes do PP, nunha manifestación con Vox e Ciudadanos, en 2019. (Foto: Partido Popular).

Así se pronunciaba Feixoo, nunha entrevista concedida a Antena 3, na que expresa que “o PP non é Vox, non o foi, nin o é nin o será, pero o que está moi claro é que non imos aceptar que o PSOE nos diga con quen podemos pactar, vendo exactamente con quen pactan eles”. Tamén recoñeceu que moitos dos votantes da formación de extrema dereita proceden das filas populares.

Nesa mesma orientación, ao longo da semana pasada, Feixoo apostou por garantir a presidencia de Alfonso Fernández Mañueco, cuxo acordo co partido de Santiago Abascal está moi avanzado, segundo adiantou onte voceira de Vox en Madrid, Rocío Monasterio.

As declaracións do mandatario galego son coherentes coa súa liña argumental dos  últimos tempos. Precisamente, este domingo, nunha entrevista ao diario El Mundo, comprometeuse a non cualificar Vox de extrema dereita, sinalando que "non serei eu quen utilice unha etiqueta para descualificar un partido se ese partido nega ser iso. Son eles os que teñen que definir que son. E despois que contrasten o que din co que fan”. O presidente da Xunta é consciente de que as posibilidades de acceder á Moncloa pasan por un pacto coa extrema dereita, na liña dos formalizados en Madrid ou Andalucía.

Mentres se suceden as entrevistas, Feixoo prepara o seu equipo para dirixir o PP e tenta buscar un acordo para garantir unha sucesión á fronte da Xunta da Galiza sen conflito interno.

Felipe González gosta de Feixoo

A candidatura de Feixoo á Presidencia do PP marca a actualidade española. Felipe González definiu como "centrista" o mandatario galego, malia as declaracións deste último sobre Vox.

Así na entrevista concedida a La Sexta, o socialista, que ocupou o Goberno do Estado durante 14 anos, aproveitou a oportunidade para facer unha defensa fechada de Juan Carlos I e que achegou o seu apoio a Feixoo. Neste sentido recorreu a argumentos de carácter persoal, pero tamén a razoamentos de tipo político.

A batería discursiva empregada por González non foi nova, de maneira que sinalou que o presidente do Executivo galego pode representar “a centralidade” diante do actual Goberno español, por tratarse dun “centrista” fronte aos “extremos”. Na mesma dirección, defendeu que “[Feixoo] cre, como eu, que a democracia necesita neste momento, no que está ameazada en tantos sitios, que haxa partidos que defendan o espazo da centralidade para evitar que haxa máis crispación, máis irracionalidade nos comportamentos”. González non agochou a súa amizade co mandatario galego e manifestou que “é unha persoa coa que podo dicir que me entendo con facilidade”.

Comentarios