Feixoo percorrerá España facendo campaña para liderar o PP mentres segue como presidente da Xunta

Formaliza esta semana a súa candidatura e inicia a súa campaña polas comunidades para explicar o seu proxecto a afiliados do PP.

Intervención do presidente do PP galego, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Arxina)
photo_camera Intervención do presidente do PP galego, Alberto Núñez Feixoo, no acto no que anunciou a súa candidatura a presidir o PP español (Foto: Arxina)

É compatíbel ser presidente da Xunta da Galiza e percorrer todas as comunidades do Estado español facendo campaña para ser presidente do PP español? Alberto Núñez Feixoo considera que si.

E iso é o que vai facer: 10 días de campaña nos que ten previsto percorrer as diferentes autonomías para explicar o seu proxecto aos afiliados do PP antes do congreso extraordinario que terá lugar en Sevilla os días 1 e 2 de abril.

Feixoo formalizará esta semana a súa candidatura para liderar o PP -o prazo expira o 9 de marzo- e despis iniciará a súa particular campaña electoral partidista.

Os candidatos á Presidencia do PP deberán oficializar a súa candidatura entre 8 de marzo e até as 20 horas do día 9 de marzo, segundo recolle o Regulamento do  XX congreso do PP aprobado na Xunta Directiva Nacional do pasado 1 de marzo. Para ser proclamado candidato é necesario presentar o apoio de, polo menos, 100 militantes.

Campaña

O propio Feixoo confirmou que fará campaña nos próximos días e percorrerá todas as comunidades autónomas. "Reunireime cos meus compañeiros e explicareilles por que din ese paso, que creo que podemos facer e, sobre todo, trasladareilles a enorme responsabilidade na que incorremos", dixo na cadea Cope, un día despois de anunciar a súa decisión de optar a liderar o PP.

De acordo aos prazos establecidos, a campaña electoral interna comezará 11 de marzo e terá unha duración de 10 días. 21 de marzo é o día elixido para que os afiliados do PP ao corrente de pago poidan votar ao seu candidato á Presidencia do Goberno.

Até o de agora, ademais de Feixoo, só unha valenciana de Gandía, Alexia  Herranz, anunciou que presentará tamén a súa candidatura para optar a "converterse na primeira muller transexual presidenta do Partido Popular en España

O presidente da Xunta xa deixou caer que marcará o seu propio sinal á dirección do PP ao subliñar que non cre "en ministerios de recheo" nin no "tweet de cada día" ou "laboratorios políticos". "Teño o meu modo de ser, de facer e de pensar", avisou.

Unha das principais incógnitas é ate cando estará á fronte da Xunta. Polo momento, xa confirmou que non impulsará unha substitución apresurada ao asegurar que non deixará a Galiza "nun mes".

No PP galego aseguran que será un proceso "ordenado, tranquilo e sosegado" no que saberán estar "á altura das circunstancias", en palabras do secretario xeral do PPdeG, Miguel  Tellado

Comentarios