Pontón: “Feixoo ten a cabeza a rúa de Xénova, debe dimitir como presidente da Xunta”

A portavoz nacional do BNG incide na “incompatibilidade” de estar á fronte do Goberno Galego e do PP español.

ana ponton ser
photo_camera Ana Pontón nun momento da entrevista.

“Cada minuto que Feixoo segue á fronte da Xunta é unha falta de respecto aos galegos e galegas”, dixo Ana Pontón este domingo na entrevista na cadea Ser. A portavoz nacional do BNG ve “incompatíbel ser presidente da Xunta e presidente do PP español”, e preguntouse que faría Alberto Núñez Feixoo “cando haxa que defender os intereses do naval de Ferrol, que vai estar máis pendente de Ferrol ou de Cádiz?”

A líder da formación nacionalista considera que “a Galiza precisa un presidente a tempo completo e un cambio de políticas” e non alguén, dixo, como Núñez Feixoo, que “ten a cabeza en Xénova –sede do PP español-, non na Galiza“. “Deixou claro cal era a súa prioridade, o PP, e a Galiza non pode poñerse en modo pausa polas súas ambicións persoais”, remarcou.

Ana Pontón considera que se o PP convocase hoxe eleccións na Galiza “o máis probábel é que as perdese”,  e sitúa o BNG como a alternativa. “As enquisas reflicten unha tendencia clara: o PP baixa e o BNG sobe. Voume deixar a pel en conseguir ese cambio que precisa a Galiza”.

Neste liña, apostou en “escoitar a sociedade galega” para fortalecer esa alternativa, que recoñece que tería que pasar por un Goberno de coalición cos socialistas.

Concellos do BNG, “terra de acollida” para refuxiados ucraínos

Preguntada polo posicionamento do BNG a respecto da Ucraína, Ana Pontón explicou que “ a nosa posición é clara: condenamos a invasión cruel protagonizada por un presidente déspota. A nosa solidariedade co pobo de ucraína e a Galiza ten que ser terra de acollida das persoas refuxiadas. Todos os concellos do BNG póñense a disposición das autoridades para acoller”

“É importante poñer fin á guerra. Hai que armar a paz, non a guerra. Hai que activar a diplomacia e é clave a presión internacional para acabar con esta guerra, e traballar sobre os acordos de Minsk”, concluíu.

Comentarios