O Eurogrupo anuncia ao Estado español que o rescate implicará demandas "realmente duras"

O luxemburgués Jean-Claude Juncker, insistiu tamén en que o Estado español debe de seguir polo camiño de recortes no gasto e nas reformas estruturais
Juncker
photo_camera Juncker

Nunha entrevista na televisión alemá Bavarian, o presidente do Eurogrupo afirmou que no caso de pedir o Estado español finalmente o rescate as demandas que se lle van facer en contrapartida van ser "realmente duras". Unhas manifestacións que completou coa chamada ao goberno español a continuar coa política de recortes no gasto orzamentario, ademáis de avanzar nas reformas estruturais da economía.

As declaracións de J-C Juncker chegan no momento en que o executivo de Mariano Rajoy avoga pola política de nin recoñecer nin negar a petición do rescate. O goberno español afirma que quere coñecer a letra miúda do que iso implicaría. Nesa liña de gañar tempo, a propia Soraya Sáenz de Santamaría afirmou que non se tomaría unha decisión sobre o rescate "até que as cousas estean ben atadas", Rajoy confía en que a economía española poida dar algúns síntomas de mellora.

Axuda a Eire

Doutra banda, a Comisión Europea vén de autorizar esta terza o pago a Irlanda dun tramo duns mil millóns de euros (aos que hai que engadir outros 700 de empréstimos bilaterais) do rescate de 85.000 millóns de euros. Autorización que dá tras constatar que o goberno de Dublín está a aplicar os axustes aos que se comprometera. En total, Dublín recibiu xa por volta duns 36.600 millóns de euros desde o lanzamento do rescate a finais de 2010.

Comentarios