Un novo sismo sacode Turquía tras deixar o do 6 de febreiro máis de 50.000 mortes

Un terremoto de magnitude 5,6 deixa no mínimo unha vítima mortal e 70 persoas feridas.
Case 45.000 persoas morreron só en Turquía polos terremotos deste mes, segundo o último balance achegado polas autoridades de Ankara. (Foto: Abed Alrahman Alkahlout / Zuma Press)
photo_camera Case 45.000 persoas morreron só en Turquía polos terremotos deste mes, segundo o último balance achegado polas autoridades de Ankara. (Foto: Abed Alrahman Alkahlout / Zuma Press)

Volve tremer a terra en Turquía. Un novo sismo de magnitude 5,6 rexistrado na mañá desta segunda feira na provincia de Malatya, próxima á fronteira con Siria, deixou até o momento cando menos unha persoa falecida e arredor de 70 feridas de diversa consideración, nun momento no que ambos os países seguen a recuperarse aínda das devastadoras consecuencias dos terremotos do pasado 6 de febreiro.

O epicentro deste novo sismo foi a localidade de Yesiliurt, co hipocentro situado a uns sete quilómetros de profundidade, segundo vén de informar o director da Axencia para a Xestión de Desastres e Emerxencias de Turquía, Yunus Sezer. Unha vintena de edificios derrubáronse e cinco persoas tiveron que ser rescatadas entre os cascallos.

A pasada semana a provincia de Hatay fora o epicentro doutros dous tremores, de magnitude 5,8 e 6,4, respectivamente, que se saldaron con cando menos outras seis mortes e centos de feridos. O balance total dos sismos do día 6 deixa até o momento 44.400 vítimas mortais confirmadas polas autoridades turcas e outras 6.000 en territorio sirio, se ben neste país o reconto é máis complexo ao haber zonas do noroeste controladas por grupos rebeldes alleos ao Goberno de Bashar al-Assad.

Debido á súa posición xeográfica, sobre a placa tectónica de Anatolia —entre as plataformas Eurasiática, Arábica e Africana—, Turquía é un país afeito aos movementos sísmicos. Só en 2022 rexistráronse máis de 20.000 tremores, dos cales máis dun cento superaron a magnitude 4 e un superou o nivel 6. Os terremotos de entre 5 e 6 son relativamente frecuentes, con perto dunha decena cada ano de media.

Porén, a poboación non lembra un sismo como o do pasado día 6, tanto pola magnitude como polas consecuencias. O máis letal até a data no último século producírase en 1939, en Erzincan, con arredor de 33.000 mortes e 100.000 persoas feridas. E no último ano do pasado século faleceran outras 17.000 persoas a conta dun tremor. Persoas expertas alertan de que poden seguir aparecendo réplicas daquel gran movemento inicial da terra nas próximas datas.

O número de decesos supera xa os 50.000 entre Siria e Turquía, e organismos internacionais como a ONU advirten que a cifra real sería moito máis elevada e que non se coñecerá até que se retiren os cascallos e poida comprobarse se houbo máis vítimas sobre o terreo. Só en Siria, Nacións Unidas apunta a uns 8,8 millóns de persoas afectadas, a meirande parte delas con necesidade imperiosa de axuda humanitaria.

No século XXI só catro sismos provocaron un maior número de vítimas mortais: Haití, en 2010 (250.000); Indonesia, en 2004 (200.000); Paquistán, en 2005 (73.000), e China, en 2008 (70.000). Estes rexistros, porén, poderían ser superados por este tremor en territorio turco-sirio nos próximos días, atendendo ás previsións dos seus propios gobernos e de organismos internacionais como a ONU.

Comentarios