Unicef cifra en sete millóns as crianzas afectadas polo sismo en Siria e Turquía

"Están a durmir nas rúas, centros comerciais, escolas, mesquitas, estacións de autobús e baixo as pontes ou á intemperie por medo a volver á casa", alertan desde a entidade.
Campamento improvisado de refuxiados en Kirikhan, Turquía. (Foto: Boris Roessler / DPA)
photo_camera Campamento improvisado de refuxiados en Kirikhan, Turquía. (Foto: Boris Roessler / DPA)

"Estamos asistindo ao peor desastre natural na rexión europea da Organización Mundial da Saúde [á que pertence Turquía] nun século, e aínda estamos coñecendo a súa magnitude", afirmou esta terza feira o director rexional da entidade, Hans Kluge, en referencia aos terremotos que afectaron a semana pasada o norte de Turquía e o sur de Siria.

A última cifra de vítimas mortais transmitida por ambos os dous países eleva a máis de 41.000 o número de falecementos confirmado, máis de 35.000 en Turquía e case 6.000 en Siria.

O Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) fixo fincapé en que sete millóns de crianzas se viron damnificadas pola traxedia, e insistiu en que tanto elas como as súas familias precisan máis apoio de forma "desesperada", subliñando que "están a durmir nas rúas, centros comerciais, escolas, mesquitas, estacións de autobús e baixo as pontes ou á intemperie por medo a volver á casa".

Amais, xa cruzaron os primeiros camións de axuda humanitaria polos dous novos pasos abertos entre Turquía e a zona de Siria controlada pola oposición liderada por grupos terroristas e apoiada polos turcos, despois de que Damasco aceptara a apertura durante tres meses para facilitar a resposta humanitaria.

Pola contra, Mevlut Cavusoglu, ministro de Exteriores de Ancara, defendeu que "está fóra de toda posibilidade" que Turquía acepte abrir os pasos fronteirizos con Siria nas zonas con presenza das forzas kurdas.

Ao tempo, aumentan cada día máis as críticas contra o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, pola xestión do desastre, minando as súas posibilidades nas eleccións de maio, o que deu paso á aparición de propostas do oficialismo para atrasar os comicios, algo que os expertos legais xa cualificaron de inconstitucional.

Comentarios