O terremoto de Siria e Turquía deixa até o momento o triplo de vítimas que o do Xapón en 2011

Só outros catro sismos provocaron máis vítimas mortais no século XXI, en Haití, Indonesia, Paquistán e China, se ben o elevado número de persoas desaparecidas en territorio turco e sirio podería superar algúns deses rexistros.
Un mozo rebusca entre os cascallos dun edificio derruído na cidade siria de Aleppo. (Foto: Stringer / Xinhua News)
photo_camera Un mozo rebusca entre os cascallos dun edificio derruído na cidade siria de Aleppo. (Foto: Stringer / Xinhua News)

As autoridades turcas deron por concluído este domingo o operativo de busca de sobreviventes, agás en dúas provincias —Hatay e Kahramanmaras— após os terremotos do pasado 6 de febreiro que deixaron unhas 41.020 vítimas mortais no sur do país, na fronteira con Siria, con entre 4.000 e 4.400 falecidos máis, segundo os últimos datos achegados por ambos os gobernos.

Son xa, en conxunto, máis de 45.000 as mortes notificadas até o momento, unha cifra cada vez máis próxima á que estimaba inicialmente a ONU, un mínimo de 50.000. Mais a realidade podería superar estas previsións: "A situación é moito máis terríbel do que se está a ver. As cifras son tres ou catro veces as que se fixeron públicas", advertiu Osman Bilgin, delegado do Goberno turco.

O número de vivendas destruídas ascende a, cando menos, 380.000, ao tempo que máis de 100.000 edificios foron derrubados a conta dos sismos ou ben demolidos por mor da súa inestabilidade. "Faremos todo o posíbel para sandar as feridas", defendeu o ministro de Defensa, Hulusi Akar.

Miles de persoas quedaron sepultadas entre os cascallos. A gran maioría faleceron; outras, porén, correron máis sorte, como foi o caso das tres persoas rescatadas este sábado en Antioquía, as últimas das que se tivo constancia, após ficaren atrapadas tras caer o seu edificio durante 12 días. Outras miles seguen aínda desaparecidas.

Máis de 375.000 cidadáns turcos e turcas foron evacuadas polo de agora das rexións afectadas, entre elas unhas 1.600 crianzas non acompañadas, se ben 950 menores xa puideron reunirse coas súas familias, segundo apuntaron desde o Executivo.

A situación é tamén especialmente crítica en Siria. Só neste país a ONU estima que hai, no mínimo, 8,8 millóns de persoas afectadas. "E a maioría precisarán algún tipo de axuda humanitaria", sinalou a adxunta ao representante especial de Nacións Unidas en Siria, Najat Rochdi.

O triplo de vítimas que no Xapón

Só cos datos confirmados até o momento —máis de 45.000 mortes entre Siria e Turquía e miles de persoas en paradoiro descoñecido— os terremotos deste mes deixan xa o triplo de vítimas que o tremor e posterior tsunami que sacudiu Xapón en 2011 —arredor de 15.000 falecidos e outros 3.000 desaparecidos—.

No século XXI só catro sismos provocaron un maior número de vítimas mortais: Haití, en 2010 (250.000); Indonesia, en 2004 (200.000); Paquistán, en 2005 (73.000), e China, en 2008 (70.000). Estes rexistros, porén, poderían ser superados por este tremor en territorio turco-sirio nos próximos días, atendendo ás previsións dos seus propios gobernos e de organismos internacionais como a ONU.

Comentarios