Un novo sismo de magnitude 6,4 volve sacudir Siria e Turquía

Case 47.000 falecementos polos sismos desde o 6 de febreiro.
Civís evacuados das súas casas en Reyhanli após o novo tremor desta segunda feira. (Foto: Celestino Arce / Zuma Press)
photo_camera Civís evacuados das súas casas en Reyhanli, na provincia de Hatay, após o novo tremor desta segunda feira. (Foto: Celestino Arce / Zuma Press)

A provincia turca de Hatay foi o epicentro esta segunda feira dun terremoto de magnitude 6,4 na escala de Richter que afectou as mesmas zonas devastadas polos sismos de hai só dúas semanas, e que segundo a última actualización provocou a morte de cando menos seis persoas e deixou máis de 760 feridas.

Os expertos alertan de que novos tremores poden facer colapsar edificios que xa quedaran danados a comezos de febreiro. Por eses sismos, as autoridades turcas indicaron que máis dun millón de persoas resultaron damnificadas, con arredor de 47.000 persoas falecidas, máis de 41.000 en Turquía e pouco menos de 6.000 en Siria, e outras miles aínda desaparecidas.

A provincia de Hatay e a de Kahramanmaras son as dúas únicas de Turquía nas que aínda non se suspenderon as operacións de rescate. Amais, Ancara comunicou que máis de 100.000 edificios ficaron destruídos ou tan danados que é precisa a súa demolición.

Só en Siria, a Organización das Nacións Unidas fixou en 8,8 millóns o número de persoas afectadas polos terremotos, e destacou que a meirande parte delas precisa axuda humanitaria.

Só cos datos confirmados até o momento —máis de 45.000 mortes entre Siria e Turquía e miles de persoas en paradoiro descoñecido— os terremotos deste mes deixan xa o triplo de vítimas que o tremor e posterior tsunami que sacudiu Xapón en 2011 —arredor de 15.000 falecidos e outros 3.000 desaparecidos—.

No século XXI só catro sismos provocaron un maior número de vítimas mortais: Haití, en 2010 (250.000); Indonesia, en 2004 (200.000); Paquistán, en 2005 (73.000), e China, en 2008 (70.000). Estes rexistros, porén, poderían ser superados por este tremor en territorio turco-sirio nos próximos días, atendendo ás previsións dos seus propios gobernos e de organismos internacionais como a ONU.

Comentarios