Angola

O MPLA lidera o reconto nas eleccións angolanas e gobernaría cinco anos máis

A Unita imponse na provincia de Luanda, a capital, así como na de Zaire, mentres que o MPLA lidera o escrutinio no resto do país.
Seguidores do MPLA na xornada electoral. (Foto: Chen Cheng / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Seguidores do MPLA na xornada electoral. (Foto: Chen Cheng / Xinhua News / Contactophoto)

A última actualización onte da Comisión Nacional Electoral (CNE) de Angola deixa moi perto da vitoria nos comicios da pasada terza feira ao Movemento Popular de Liberación de Angola (MPLA), que co 86,41% escrutado obtería 52,08% dos votos, mentres que a Unión Nacional para a Independencia Total (Unita) alcanzaría 42,98%, co resto de forzas políticas moi lonxe. Con estes resultados, João Lourenço, do MPLA, repetiría como presidente do país.

O MPLA imporíase na maioría das 18 provincias do país, mentres que a Unita foi a máis votada na de Luanda -na que está a capital, a zona máis poboada do país- e na de Zaire.

Para a CNE, os comicios da terza feira foron un “éxito”, “non é só unha valoración que resulta da observación e da análise, senón tamén dos informes e puntos de vista dos observadores”, destacou Lucas Quilundo, voceiro do organismo.

A pesar dos resultados, ao longo do día, Abel Chivukuvuku, candidato a vicepresidente da Unita, sostivo que “claros indicadores provisorios” outorgaban unha “tendencia de vitoria da Unita en todo o país e en todas as provincias”, denunciando que os datos da CNE non son fiábeis.

Con todo, ratificou que “o proceso ten que ser pacífico” e que “ninguén está interesado en disturbios”.

A resposta do MPLA chegou da man de Rui Falcão, o seu voceiro, que subliñou que a quen lle compete o calculo e difusión dos resultados “é aos órganos competentes”, canto máis tendo en conta que os resultados de cada mesa electoral fican pendurados á vista do público unha vez rematado o escrutinio en toda Angola.

Amais, a Misión de Observadores da Conferencia Internacional sobre a Rexión dos Grandes Lagos avalou o resultado e reclamou “aos vencedores que abracen os que perderon, e os que perderon deben aceptalo”.

Nesa liña, medios locais informan que malia a tensión que se viviu durante a madrugada posterior á votación non se rexistraron casos de violencia. Onde si aconteceu foi en Lisboa (Portugal), onde un grupo de electores angolanos lanzaron pedras contra o autobús que transportaba funcionarios da embaixada e delegados dos partidos após o feche das urnas, polo que a Policía procedeu a dispersalos sen efectuar detencións ou identificacións. Estes foron os primeiros comicios nos que as angolanas e angolanos emigrados podían votar.

Xa polo día, a Policía angolana denunciou actos de vandalismo en varios mercados da capital, protagonizados por simpatizantes da Unita.

Comentarios