Maduro salva o legado de Chávez pola mínima ante un Capriles que non recoñece a derrota

O candidato da oposición afirma que os resultados “non son lexítimos” e exixe un novo reconto malia que os observadores internacionais avalan todo o proceso electoral. Maduro, que salva o legado de Chávez pola mínima, parabeniza o pobo pola participación, un 78%, e responde a Capriles que "non temos medo" nin "nada que ocultar". É de agardar que a oposición continúe coas súas estratexias de desestabilización de Venezuela. O exército xa anunciou que fará respeitar os resultados

Maduro
photo_camera Maduro

Nicolás Maduro gaña as eleccións en Venezuela ao atinxir o 50,67% dos votos e garante seis anos máis de revolución bolivariana. Mais o candidato opositor, Henrique Capriles (49,09% dos sufraxios) négase a recoñecer os resultados e di que estes non son lexítimos. Unha actitude que xa insinuou a últimas horas da xornada a a través das redes sociais, onde chamaba a “alertar ao mundo” de que o Centro Nacional Electoral estaría a “cambiar” a vontade popular. Declaración que contrastaba coa que el propio fixera após votar, onde, animando a “votar sen medo” recalcou que o sufraxio era secreto e que era imposíbel manipulalo.

Após depositar a papeleta, Capriles animou á xente a votar decindo que o sufraxio era secreto e non manipulábel. Horas despois afirmaba que se estaba "a variar a vontade popular"

Así, malia que observadores e organismos internacionais ratifican a limpeza das eleccións venezolanas, que pasan unha peneira democrática que quizás países occidentais non pasarían; Capriles exixe un novo reconto. Acusa a Maduro, que gaña as eleccións de ser “o derrotado nos comicios”.

Capriles pode presentarse ás eleccións en Venezuela porque foi amnistiado por Hugo Chávez, nunha decisión de “perdón e reconciliación”, do seu delicto de participar no golpe de Estado que tentou, hai unha década, derrocar ao presidente revolucionario.

Estratexia planificada (e desvelada)?

Nas últimas semanas, desde diversos medios e plataformas de comunicación víñase alertando da existencia dunha estratexia da oposición que pasaría por non recoñecer os resultados e abrir así un período de inestabilidade.

Sería unha estratexia a desenvolver, apuntaban eses medios, en caso de que os resultados fosen máis axustados dos que prevían as enquisas e sondaxes.

Maduro, “nada que ocultar, non temos medo”

Nicolás Maduro, gañador das eleccións nas que a participación foi superior o 78%, xa afirmou após coñecer os resultados que “o pobo falou” e fíxoo no sentido de querer seguir avante coa construción do socialismo e de profundizar na revolución. “Imos a construír Patria e independencia”.

E Maduro tamén respondeu a Capriles, ao que lle dixo que estaba disposto a realizar unha auditoría “do 100% dos votos”. Un exemplo de totalitarismo, vaia. “Imos facer a auditoría, non temos medo”, manifestou o candidato do PSUV e triunfador nos comicios.

Enlamar, aterrorizar

A xornada electoral tamén rexistrou incidencias diversas, se ben os observadores destacan que non prexudicaron o proceso electoral e a súa limpeza.

Así, hackers atacaron webs de CNE e organismos do goberno, así como o twitter de Maduro e doutros cargos chavistas. Desde a oposición falan de que teñen máis de 3.000 incidencias acontecidas nas mesas electorais.

E, xa de carácter máis grave, simpatizantes de Capriles agrediron a Potro Álvarez (famoso deportista que dixo que ía votar por Maduro) nun colexio electoral, e dispararon a un cámara de Barrio TV, un medio chavista, que se atopa moi grave nun hospital.

Comentarios