A prensa española ve na vitoria de Maduro penalti e expulsión

Os grandes medios de comunicación españois destacan que o triunfo de Maduro foi 'pírrico' ou 'mínimo' e compran, encantados, a versión de Capriles de que os resultados non son reais e ten que haber unha auditoría do 100% dos votos.

El Pais Venezuela

Moitas veces non hai mellor forma de comprobar a nostalxia de metrópole que aniña aínda en España que botar unha ollada á prensa da capital. As eleccións de Venezuela son unha boa oportunidade. Tanto ten que o grupo mediático sexa de dereitas ou se sitúe en certa progresía.

El País é un medio que ten sido sinalado como un feroz crítico do proceso que se puxo en marcha en Venezuela da man de Hugo Chávez. Mesmo nun editorial, apoiou o golpe de estado contra Chávez en 2002.

El País titula 'Capriles exixe revisar o reconto ante a mínima vitoria de Maduro”. Duro y a la encía, que dirían os castizos. A vitoria foi mínima (a metade máis un tamén é maioría absoluta, pero ese termo estaba reservado por se gañaba Capriles). O xornal do grupo Prisa afirma que “Maduro atribúese a vitoria” (como se non lla outorgase o organismo electoral), que se abre “un futuro incerto” e que hai “decepción nos partidarios de Maduro” por un triunfo tan exíguo.

Boris Izaguirre fixo de experto analista na Ser para vaticinar cismas no chavismo

 

Para El País, en Venezuela habitan dúas “metades irreconciliábeis”, o que atribúe ao chavismo.

“Chavismo de Chabolas”

Para o ABC, a vitoria de Maduro é máis que axustada e Venezuela é, froito, como non, da revolución bolivariana; “un país dividido, violento e en crise”. Capriles fai ben en exixir un reconto e non recoñecer os resultados pois, sinala o veterano xornal monárquico, nestas eleccións o chavismo fixo “xogo suxo” e, aliás, “xogou abertamente con vantaxe”. Para clarificar a situación do país, desde o ABC teñen a ben informarnos que “nestes anos, os cintos de miseria e marxinalidade multiplicáronse”.

As columnas de opinión ían desde o "Venezuela, la dictadura perfecta" até "Ruína bolivariana"

En La Razón regodénase na “vitoria pírrica” de Maduro e avogan por unha revisión dos resultados. Pola súa banda, El Mundo destaca que hai xente do CNE (organismo que supervisa as eleccións) que pide que se faga unha auditoría do 100% dos votos. O CNE foi o que informou dos resultados dos comicios, dando a vitoria a Maduro. Este xornal pon nun lugar moi estacado a opinión asinada por Pablo Pardo co título de 'Ruína bolivariana'. Sobran comentarios.

Que si, que Chavez é ETA

Como non, Libertad Digital non decepciona. “Venezuela, la dictadura perfecta” é a opinión que abre o dixital. E a continuación un entrelazado de novas sobre a santa razón que ten Capriles, a homenaxe que se fixo estes días ao membro de ETA 'Thierry', as relacións entre presos de ETA e membros de Izquierda Unida de Andalucía, e, como non, todo enlazado en que Chavez apoiou Eta.

Comentarios