Luz verde á norma para evitar o desperdicio de alimentos

O gabinete estatal aprobou a proposición do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para impulsar unha serie de prácticas que permitan reducir o volume de desperdicios de alimentos, un dos compromisos asinados na Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas.
Luis Planas (Alimentación), Isabel Rodríguez (voceira) e Diana Morant (Ciencia) logo da xuntanza. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)
photo_camera Luis Planas (Alimentación), Isabel Rodríguez (voceira) e Diana Morant (Ciencia) logo da xuntanza. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)

En 2020, máis de 1.300 millóns de quilogramos de alimentos sen consumir foron ao lixo no Estado español, indican os datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, ao tempo que unha de cada catro persoas atópase en risco de exclusión social, vendo limitado o seu acceso á comida, entre outros.

A redución á metade do número de alimentos que acaban por tirarse é un dos obxectivos de desenvolvemento sostíbel da Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas, e nesa liña, o Consello de Ministras e Ministros desta segunda feira aprobou o anteproxecto de Lei de prevención das perdas e o desperdicio alimentario, que propón ao Congreso unha diminución destas cifras en todas as fases da cadea alimentaria.

Combater o desperdicio é un imperativo ético, sostivo Luis Planas, titular do Ministerio que desenvolveu o texto, que explicou como a norma estabelece unha seria de obrigas. No caso das industrias alimentarias, comercios e empresas de hostalaría e restauración, terán que asinar un convenio con organizacións receptoras de alimentos garantindo a súa trazabilidade, co fin de que poidan usarse para consumo humano.

Aqueles produtos que xa non cumpran esta condición deberán ser transformados para manterse na cadea alimentaria, como zumes ou marmeladas no caso das froitas.

Por último, cando xa non sexan aptos para consumo, a Lei marca que estes alimentos serán utilizados de subproduto para comida de animais, industria, obtención de compost, biogás ou outro tipo de combustíbel.

Para isto, as sociedades da cadea alimentaria contarán con instalacións axeitadas, persoal formado e sistemas de frío para minimizar as perdas. Amais, os comercios de máis de 400 metros cadrados asumirán a obriga de fomentar a venda de alimentos “feos, imperfectos ou pouco estéticos”, sinalou Planas, pero que estean en condicións óptimas.

No que atinxe á hostalaría e restauración, recolle que terán que ofrecer a posibilidade de levarse en envases aptos reutilizábeis -cos que deberán contar- a comida que non se consumira, informando de xeito visíbel desta posibilidade.

O Goberno estatal inviste 522 millóns de euros en investigación

A ministra de Ciencia e Investigación, Diana Morant, presentou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras e Ministros desta segunda feira o acordo polo que se convoca “o conxunto de axudas máis importante para o fomento da investigación científica e técnica” no Estado, salientou, dotado con 412 millóns de euros que xestionará a Axencia Estatal de Investigación.

Asemade, puxéronse sobre a mesa outros 110 millóns de euros para contratar 1.100 investigadores predoutorais, que poderán facer a tese doutoral en grupos de investigación das universidades. “A ciencia salva vidas”, incidiu Morant, que xustificou na pandemia de Covid-19 a necesidade de continuar investindo, “só o coñecemento pode guiar as mellores decisións en calquera ámbito”, sentenciou.

Comentarios