Un acordo histórico

Kim consegue a homologación internacional de Corea do Norte ao asinar unha declaración con Trump

Non está aínda nada claro a que se comprometen as partes, mais a simples asinatura do acordo é un momento histórico. Pyongyang consegue un rotundo triunfo diplomático ao asinar un documento coa potencia hexemónica. China aplaudiu a entente. Sobre a mesa, unha vaga declaración en relación á desnuclearización da península.

asinatura
photo_camera Un momento da asinatura

Kim nunca se negou a dar pasos cara á desnuclearización do norte, mais exixía en troca a fin das manobras conxuntas entre o sur capitalista e os Estados Unidos. Esa podería ser a esencia do acordo, mais -a falta de se coñecer os pormenores do documento- podemos avanzar que dificilmente se terá alcanzado un compromiso por escrito nese sentido. Outra cousa é a vontade expresa polos líderes no seu histórico face to face. Será o primeiro dunha serie de encontros, avanzou Trump en declaracións á imprensa. "Vai convidar Kim a visita a Casa Branca?", perguntáronlle os meios ao comandante en chefe nortemericano. Fiel ao seu estilo, Trump contestou: "Absolutamente".

En realidade, os termos do documento son extremamente vagos e non van máis alá de compromisos entre ambos países alcanzados en 1994 e 2005. "O presidente Trump comprométese a oferecer garantías de seguranza á República Popular Democrática de Corea e o presidente Kim Jong-un reafirma o seu compromiso inabalábel coa completa desnuclearización da península coreana", reza a declaración.

Unha maior concreción do acordo fica para reunións posteriores entre altos cargos de ambos gobernos, mais a esencia do documento é puramente política: Trump apúntase un tanto histórico (o de emular o desxeo con China protagonizado por Nixon na histórica cimeira con Mao en 1972) e Kim racha definitivamente o isolamento internacional da Corea socialista.

kim 2

Obxectivamente, a cimeira é un grande suceso da diplomacia norcoreana, que gaña recoñecimento internacional. Kim pasa de ser un friki e un apestado a ser lexitimado polo líder da primeira potencia económica e militar do planeta. "É un home moi talentoso e ama moito o seu país", dixo Trump de Kim.

A cimeira comezou cunha reunión dos dous líderes sen asesores nen intérpretes por espazo de 40 minutos. O encontro xa en si propio adquiría estatura histórica: era a primeira vez que os máximos dirixentes dos EUA e Corea do Norte se vían cara a cara, despois de os seus países libraren unha cruenta guerra a mediados do século pasado (1950-1953).

Ao termo do encontro, os líderes mostráronse exultantes, cada un ao seu xeito. "As conversas foron mellor do que ninguén podía imaxinar", proclamou Trump. "O mundo vai ver cambios enormes", acotou Kim.

Satisfacción de Beijing

Entre bastidores, China olla compracida o desenvolvimento dos acontecimentos. A distensión na península é un obxectivo estratéxico para o goberno de Xi Jinping. China non está en condicións neste momento -co PIB a medrar menos que no comezo do século- de se embarcar nunha carreira armamentista, o que sería inevitábel se o conflito na península coreana fose a máis. Calquera avanzo cara unha solución puramente diplomática é un balón de oxíxeno para Beijing.

Só o feito de os líderes nor-coreano e nortemericano "sentaren xuntos e teren un diálogo en pé de igualdade ten un importante e positivo significado e cría unha nova historia", afirmou o ministro chinés de Asuntos Exteriores, Wang Yi, quen enfatizou a necesidade de estabelecer un "mecanismo de paz" para a península.

China pide, aliás, que á luz desta declaración a comunidade internacional considere a opción do levantamento das sancións económicas que pesan sobre Pyongyang pola implementación do seu programa nuclear.

Comentarios