Avanzos cara á desnuclearización da península

As dúas Coreas comprométense a asinar o tratado de paz no que fica deste ano

[ACTUALIZACIÓN] A histórica cimeira entre os líderes das dúas Coreas non vai ficar simplesmente nas icónicas imaxes de Kim Jong-un e Moon Jae-in a se daren fortemente a man na liña imaxinaria do paralelo 38, o que marca a fronteira entre os dous estados. Kim e Moon alcanzaron un acordo tamén para a posteridade: o de iniciar conversas para asinar o tratado de paz que poña formalmente fin á guerra que mantiveron entre 1950 e 1953 (as hostilidades cesaron cun armisticio). Segundo The New York Times, acordaron tamén avanzar cara á completa desnuclearización da península coreana. 

Captura de pantalla (63)
photo_camera Kim Jong-un e Moon Jae-in

Un armisticio sinala a suspensión das hostilidades, mais é por definición temporal e non é sinónimo de paz. Pyongyang e Seúl estiveron tecnicamente en guerra desde 1953, ano en que as tropas silenciaron os fusís. 65 anos despois, Kim Jong-un e Moon Jae-in teríanse comprometido no seu encontro a dar comezo a un proceso que, no que fica de ano, levaría á asinatura dun tratado de paz que, desta volta si, selaría o fin do conflito bélico.

A cimeira tivo o seu ritual. Kim foi o que deu o primeiro paso, literalmente, e andando en solitario, após baixar unha imponente escalinata, cruzou a liña da demarcación entre os dous estados, para pór o pé sobre territorio sul-coreano. Fotografouse así co seu homólogo sul-coreano Moon Jae-in. E logo colleuno da man e, dándose a volta, levouno uns centímetros por detrás da liña, unha fugaz visita de Moon Jae-in ao norte de Corea. O xesto provocou as gargalladas de xornalistas e diplomáticos.

No horizonte da relación entre estes dous estados, estaría tamén unha hipotética reunificación. O norte xa ten esclarecido que tal proceso non levaría aparellada a asunción do capitalismo. Pyongyang pensa máis nunha confederación de dous estados soberanos que manteñan cadanseu sistema político e económico. Con todo, si cabe agardar que Kim Jong-un favoreza un proceso de reforma que vaia asimilando o funcionamento da economía nor-coreana (sen apenas marxe para o sector privado) ao modelo chinés.

Beijing vive desde logo con alivio a distensión na península coreana. A China de Xi Jinping -empeñada en elevar o nível de consumo interno da súa populación, para non depender tanto da demanda exterior- non podería asumir o custo dunha forte militarización da súa economía que inevitabelmente decorrería dun conflito armado entre Pygongyang e Seoul, con Washington como patrocinador do sul.

De feito, China -tamén Rusia- apoiou no seo do Consello de Seguranza de Nacións Unidas endurecer as sancións a Pyongyang pola continuidade do seu programa nuclear. Beijing -para quen a pacificación da península coreana é unha necesidade estratéxica- reduciu até un terzo as súas importacións nor-coreanas ao longo do último ano. Todo indica que as presións surtiron efecto e que Kim Jong-un está a mover pezas no taboleiro diplomático visando o levantamento das medidas punitivas adoptadas contra o seu país.

Comentarios