A noticia foi filtrada a The Washington Post

Kim Jong-un aceita reunirse en secreto co director da CIA

Non foi un capítulo de Homeland. Ocorreu na realidade. Os EUA enviaron o director da CIA a se entrevistar cun xefe de Estado. E este aceitou a reunión.

Kim Jong-un
photo_camera Kim Jong-un

A reunión con Kim Jong-un non foi especialmente secreta desde o momento en que fontes autorizadas filtraron a noticia ao The Washington Post. O propio Donald Trump non negou a información e, sen a confirmar, deixou entrever que con efeito Mike Pompeo se vira as caras co líder nor-coreano. 

"Comezamos a falar con Corea do Norte directamente. Mantivemos conversas a moi altos níveis, estremadamente altos, con Corea do Norte. E realmente creo que nisto hai moita boa vontade. Moitas cousas están a ocorrer. E boas cousas", dixo Trump á imprensa antes de The Washington Post noticiar o encontro de Pompeo con Kim.

Trump tampouco agachou que as incertezas pairan sobre a entrevista con Jong-un, prevista, dixo, para "primeiros de xuño ou talvez algo antes". Mais, puntualizou, nen sequer é absolutamente seguro que a cimeira vaia realizarse. "Pode ser que as cousas non vaian ben e non teñamos o encontro", concedeu.

Pompeo vai ser o próximo secretario de Estado (equivalente a ministro de asuntos exteriores) dos EUA, o que a ollos de Trump xustificaría este encontro con Kim Jong-un.


 

Comentarios