Kim Jong-un dálle credibilidade á distensión coa súa histórica visita a territorio sul-coreano

Beijing ve con bos ollos un movimento diplomático que resta tensión nunha das zonas xeopolíticas máis quentes do planeta. Kim Jong-un tornouse no primeiro líder nor-coreano en pisar territorio baixo xurisdición de Seúl desde o armisticio de 1953.

Captura de pantalla (63)
photo_camera Unha foto para a historia

En vésperas da súa aínda non axendada cimeira con Donald Trump, Kim Jong-un mantivo unha cimeira co seu homólogo sul-coreano. O histórico encontro ten lugar esta sexta feira na aldea de Panmunjeom na zona desmilitarizada que marca a fronteira entre as dúas Coreas. Na orde do día do encontro, a paralización do programa nuclear de Pyongyang e talvez, talvez, o comezo do proceso que leve á asinatura da paz entre dos estados que formalmente aínda están en guerra (puxeron fin ao seu conflito bélico -en boa parte un confronto entre os EUA e a China de Mao- co armisticio de 1953).

A cimeira tivo o seu ritual. Kim foi o que deu o primeiro paso, literalmente, e andando en solitario, após baixar unha imponente escalinata, cruzou a liña da demarcación entre os dous estados, para pór o pé sobre territorio sul-coreano. Fotografouse así co seu homólogo sul-coreano Moon Jae-in. E logo colleuno da man e, dándose a volta, levouno uns centímetros por detrás da liña, unha fugaz visita de Moon Jae-in ao norte de Corea. O xesto provocou as gargalladas de xornalistas e diplomáticos.

No horizonte da relación entre estes dous estados, estaría tamén unha hipotética reunificación. O norte xa ten esclarecido que tal proceso non levaría aparellada a asunción do capitalismo. Pyongyang pensa máis nunha confederación de dous estados soberanos que manteñan cadanseu sistema político e económico. Con todo, si cabe agardar que Kim Jong-un favoreza un proceso de reforma que vaia asimilando o funcionamento da economía nor-coreana (sen apenas marxe para o sector privado) ao modelo chinés.

Beijing vive desde logo con alivio a distensión na península coreana. A China de Xi Jinping -empeñada en elevar o nível de consumo interno da súa populación, para non depender tanto da demanda exterior- non podería asumir o custo dunha forte militarización da súa economía que inevitabelmente decorrería dun conflito armado entre Pygongyang e Seoul, con Washington como patrocinador do sul.

De feito, China -tamén Rusia- apoiou no seo do Consello de Seguranza de Nacións Unidas endurecer as sancións a Pyongyang pola continuidade do seu programa nuclear. Beijing -para quen a pacificación da península coreana é unha necesidade estratéxica- reduciu até un terzo as súas importacións nor-coreanas ao longo do último ano. Todo indica que as presións surtiron efecto e que Kim Jong-un está a mover pezas no taboleiro diplomático visando o levantamento das medidas punitivas adoptadas contra o seu país.

Comentarios