Biden advirte que intervirá militarmente en Taiwán "se é invadido pola China"

Pequín adoptará "medidas firmes" para "salvagardar a súa soberanía e intereses de seguridade", e insta os EUA a medir "con coidado" as súas "palabras e actos" sobre Taiwán.
O presidente dos EUA, Joe Biden en rolda de prensa. (Foto: Nicolas Datiche / SOPA Images / DPA)
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, esta segunda feira, en rolda de prensa desde Toquio. (Foto: Nicolas Datiche / SOPA Images / DPA)

Os Estados Unidos tomarían as armas en Taiwán se China intentase facerse co territorio "pola forza". Esa foi a advertencia que esta segunda feira lanzou o presidente estadounidense, Joe Biden, nunha rolda de prensa que ofreceu desde a capital do Xapón, Toquio, xunto ao primeiro ministro nipón, Fumio Kishida.

Fíxoo en resposta á pregunta formulada por un dos xornalistas alá presentes: "Vostede non quería involucrarse militarmente no conflito de Ucraína por razóns obvias. Está disposto a involucrarse militarmente para defender Taiwán se for preciso?". Biden foi contundente: "Si. Ese é compromiso que temos con eles".

"Estamos de acordo coa política de 'Unha soa China', témolo asinado. Pero a idea de que poida ser tomado pola forza... Simplemente non é axeitada", matizou o mandatario.

Baixo esa denominación de 'Unha soa China', os EUA recoñecen que Taiwán forma parte do país chinés, mais nunca aceptou de forma oficial a tradicional demanda de Pequín sobre a soberanía desta illa autónoma.

China di que Taiwán é "parte inalienábel"

En resposta, o portavoz do Ministerio de Exteriores da China, Wang Wenbin, subliñou que Taiwán é "parte inalienábel" do país, ao tempo que precisou que Pequín "adoptará medidas firmes" para "salvagardar a súa soberanía e intereses de seguridade", segundo recolle o xornal China Times.

"A China pide aos EUA que se cingan ao principio de 'Unha soa China' e aos tres comunicados conxuntos sino-estadounidenses, que cumpran o seu compromiso de non apoiar a independencia de Taiwán".

Aliás, Wenbin pediu que a Casa Branca teña "coidado" coas súas palabras e actos sobre esta cuestión, a fin de "non enviar sinais erróneos ás forzas separatistas que buscan a independencia de Taiwán".

Comentarios