Visita sorpresa dos EUA a Taiwan en medio das friccións con China

A visita non anunciada de seis congresistas dos EUA a Taiwan podería acrecentar a tensión bilateral co Estado chinés. O Goberno do país americano aprobou enviar armas á illa.
A visita de seis congresistas dos EUA a Taiwan non foi anunciada. (Foto: Ministerio de Relacións Exteriores de Taiwan)
photo_camera A visita de seis congresistas dos EUA a Taiwan non foi anunciada. (Foto: Ministerio de Relacións Exteriores de Taiwan)

Un grupo de seis congresistas estadounidenses arribou na quinta feira a Taiwan nunha visita non anunciada, informou a Chancellaría local da illa. Os lexisladores foron recibidos no Aeroporto de Taipei Songshan polo ministro de Exteriores da illa, Joseph Wu.

A delegación está composta por representantes demócratas e republicanos. En particular, inclúe ao xefe do comité de Relacións Exteriores do Senado dos Estados Unidos de América (EUA), Bob Menendez.

A visita durará dous días e prevé un encontro coa líder taiwanesa Tsai Ing-wen que decorrerá na sexta feira. Segundo o portavoz da Oficina Presidencial, Xavier Chang, a viaxe dos congresistas demostra o carácter "sólido como roca" das relacións entre Washington e Taipei.

"A Oficina Presidencial espera seguir profundando a asociación entre Taiwan e os EUA a través deste intercambio cara a cara, e seguir traballando xuntos para contribuír á paz, a estabilidade, a prosperidade e o desenvolvemento mundial e rexional", agregou Xavier Chang.

A visita prodúcese despois de os EUA aprobasen a principios deste mes a posíbel venda de artigos militares á illa, un paso que foi rexeitado enerxicamente por China, que o clasificou como outro intento de interferir nos seus asuntos internos.

Aliás, a fin de semana pasada esperábase a visita á illa da presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi. Con todo, a lexisladora deu positivo por Covid e tivo que pospor a súa viaxe a Asia. O 1 de marzo unha comitiva de ex altos funcionarios de Defensa e Seguridade estadounidenses tamén visitou Taiwan.

Tensións territoriais

Pequín considera Taiwan como parte irrenunciábel do seu territorio e insiste en que calquera negociación unilateral coa illa que pase por encima do Goberno chinés viola o principio chave da súa política, como é o dunha soa China.

Aínda que o Goberno dos EUA non recoñece a Taiwan, que se autogoberna cunha Administración propia como país independente, mantén unha política de ambigüidade estratéxica cara á illa, reservándose o dereito a manter relacións especiais con Taipei, que, na súa opinión, toma as súas propias decisións.  A maioría dos países da esfera internacional, incluíndo a Federación de Rusia, recoñecen a Taiwan como parte integral da República Popular da China.

Comentarios