O mundo clama por un alto o fogo nunha Gaza asediada, illada e achegándose á aniquilación con 10.000 mortos nun mes

Máis dun cento de ataques tiveron como obxectivo as inmediacións de diferentes hospitais da Faixa nas últimas horas, unha cuestión que a ONU insiste en denunciar e urxe Israel a non bombardear máis obxectivos civís, ao tempo que demanda un alto o fogo inmediato. A violencia medra sen visos de contención tanto nesta rexión como en Cisxordania, onde os asasinatos a mans de militares e colonos e as detencións arbitrarias seguen á orde do día.
O bombardeo do campamento de refuxiados de Al-Bureij, na cidade de Deir Al-Balah, en Gaza, deixou centos de mortos e feridos. (Fotos: Adel Al Hwajre / Zuma Press)
photo_camera O bombardeo do campamento de refuxiados de Al-Bureij, na cidade de Deir Al-Balah, en Gaza, deixou centos de mortos e feridos. (Fotos: Adel Al Hwajre / Zuma Press)

Perto de 10.000 palestinos faleceron a conta dos incesantes ataques israelíes sobre Gaza, mais tamén en Cisxordania, desde o estoupido da guerra o pasado 7 de outubro. Dentro da Faixa, as vítimas ascenden xa por riba das 9.700 —50 máis nas últimas 24 horas como resultado dunha nova noite de intensos bombardeos—, das que a metade, 4.800, son crianzas, mentres a violencia do Exército e os colonos en Cisxordania deixa 145 mortos neste período, entre eles 43 menores de idade. O último, un home tiroteado esta madrugada por militares en Halhul, ao norte de Hebrón, nun ataque no que outras tres persoas resultaron feridas de gravidade. Aliás, oito asasinatos —unha crianza entre eles— foron cometidos por colonos.

A crise humanitaria acrecéntase en Gaza a cada día que pasa. Un millón e medio de persoas —tres de cada catro residentes— tivo que abandonar os seus fogares no último mes, segundo estimacións da ONU, das que unhas 710.000 están refuxiadas en 149 dependencias de Nacións Unidas. As primeiras incursións terrestres levaron Israel a partir a Faixa en dous, norte e sur, co fin de "illar Hamás", mentres a localidade máis poboada, Cidade de Gaza, continúa asediada e cercada polas tropas do Exército hebreo. As voces máis radicais do Goberno de Benjamin Netanyahu comezan a pór sobre a mesa a destrución total do territorio: "A bomba nuclear é unha posibilidade", sinalou o ministro de Patrimonio, o ultradereitista Amihai Eliyahu.

Nas últimas horas a rexión sufriu un novo corte das comunicacións, o terceiro en dez días. "Os habitantes de Gaza están completamente illados dos seus seres queridos e do resto do mundo. Un corte significa que os traballadores humanitarios non poidan coordinar sobre o terreo o traballo do seu persoal. Que o ferido non pode chamar unha ambulancia. Que a xente non pode saber se os seus seres queridos están vivos ou mortos", denuncian desde a Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA), organismo que eleva xa a 88 os traballadores mortos na Faixa.

Desde o 21 de outubro entraron a Gaza desde Exipto 451 camións con bens básicos para a poboación, unha cifra a todas luces insuficiente tendo en conta que antes da guerra accedían a diario perto dun cento de camións, fronte aos 30 que de media entran agora cada día. Na madrugada desta segunda feira Xordania entregou por vía aérea, a través de paracaídas, varios paquetes de axuda médica destinada ao hospital de campaña xordano en Gaza, que atravesa enormes dificultades por mor do bloqueo e os ataques terrestres de Israel. E precisamente os centros sanitarios seguen a ser albo de numerosos bombardeos, como é o caso do de Al-Quds, con "intensos ataques" nas súas inmediacións deixaron feridas 14 persoas que se refuxiaban alí.

A OMS trasladou a súa "extrema preocupación" pola seguridade de doentes, persoal sanitario e milleiros de persoas refuxiadas nos distintos hospitais de Gaza. "Os hospitais non son un obxectivo", insisten, após rexistrárense máis dun cento de ataques contra estas instalacións. Desde esta organización demandan novamente un alto o fogo "inmediato" que tamén exixiron en reiteradas ocasións as principais potenciais mundiais, así como a "protección activa" dos civís", garantir a atención sanitaria e o respecto do Dereito Internacional.

E a este chamamento sumáronse nas últimas horas outras axencias das Nacións Unidas a través dun comunicado conxunto. No seu escrito condenan os "horríbeis" ataques de Hamás en territorio israelí, con 1.400 mortos, miles feridos e 200 persoas secuestradas, mais poñen o foco especialmente na drástica resposta aos atentados: "O asasinato de aínda máis civís en Gaza é indignante, igual que privar 2,2 millóns de palestinos de comida, auga, medicinas, electricidade e combustíbel. Toda unha poboación está cercada e baixo ataque. Négaselles o acceso ao esencial para sobrevivir, son bombardeados nos seus fogares, refuxios, hospitais e lugares de culto. Isto é inaceptábel".

A misiva está asinada polo secretario xeral adxunto de Asuntos Humanitarios de Nacións Unidas, Martin Griffiths; o Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Volker Turk; a directora xeral da Organización Internacional para as Migracións (OIM), Amy Pope; o Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados, Filippo Grandi; a directora executiva de Unicef, Catherine Russell; a directora executiva do Programa Mundial de Alimentos (PMA), Cindy McCain, e o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, entre outros.

Namentres, a tensión segue a medrar na rexión. Os Estados Unidos veñen de despregar un submarino nuclear, que se suma aos dous portaavións, decenas de cazas e un milleiro de militares, en Oriente Próximo co obxectivo de "disuadir" Irán e Líbano de participaren da guerra. Nos últimos días outras milicias árabes lanzaron ataques contra Israel para sumarse á resistencia palestina.

E voltando de novo a Cisxordania, a canle internacional Al Jazeera informa da detención do dirixente do partido político Fatah Rafat Alian e mais da destacada activista palestina Ahed Tamimi, canda outros perto de 50 cidadáns que se suman aos máis de mil detidos no último mes, a inmensa maioría de forma arbitraria, polas forzas policiais e militares israelíes. A pasada semana tamén fora arrestado o líder de Fatah na cidade de Xenín, Atta Abu Rumaila.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios