70% das armas fornecidas a Ucraína por EUA e a UE non chegan á fronte de batalla

Os envíos de armas a Ucraína por parte dos Estados Unidos e os seus socios non pararon desde o comezo do conflito con Rusia. Porén, só  30% deles chegaron á fronte da batalla.

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski aparece nos papeis de Pandora. (Foto: Europa Press)

‘Armando a Ucraína’, un documental elaborado e proxectado pola canle estadounidense CBS, vén de pór negro sobre o branco a corrupción neste país do leste europeo e o risco que supón para a seguridade mundial os envíos masivos de armas.

Un dos participantes no documental e bo coñecedor da situación, Jonas Ohman, cifra en 30% o total das armas enviadas por Estados Unidos e os seus parceiros que chegan á fronte da batalla.

Ohman, fundador e director xeral de Blue-Yellow, unha organización que fornece axuda militar a Ucraína, sinala que “todo este material atravesa a fronteira e logo sucede algo así como que o 30 % chega ao seu destino final”.

O tráfico de armas

A maioría do armamento e subministracións militares destinadas a Ucraína chega á fronteira polaca custodiadas por persoal do exército estadounidense porén a partir de aí pasan a man de persoal ucraíno.

O director xeral de Blue-Yellow indica que “unha vez remata a custodia do persoal estadounidense comeza a desaparecer o armamento”. Na mesma dirección, explica o elevado nivel de corrupción entre o empresariado e os dirixentes políticos do país como causa do problema.

A CBS faise eco de que analistas e congresistas comezan “a alertar sobre a grande corrupción que hai en Ucraína” e significan que “membros da administración Biden empezan a preocuparse pola xestión ucraína dos miles de millóns de dólares enviados”.

Zelenski nos papeis de Pandora

A corrupción fai parte do panorama político e empresarial ucraíno desde a independencia do país da Unión Soviética. Porén, a mesma non deixa de medrar na última década, téndose documentado contas do presidente, Vladímir Zelenski, en paraísos fiscais. Tanto é así, que o seu nome apareceu nos papeis de Pandora, como titular de contas off shore en Illas Virxes e Belice.

As fontes citadas polo CBS dan por feito que “moitas armas occidentais poden acabar no mercado negro debido á grande corrupción que hai en Ucraína”. Ao tempo, cifran a axuda militar prestada por Estados Unidos ao Goberno de Vladímir Zelenski en 23.000 millóns de dólares.

Outro dos argumentos empregados no documental ‘Armando a Ucraína’ para explicar os problemas para a subministración de armas é o  feito de que gran parte das forzas armadas de Kíiv son paramilitares e voluntarios. Nesta liña, unha parte do material militar subtraído estaría sendo enviado aos países de orixe destas forzas voluntarias, na súa maior parte ligadas a extrema dereita internacional.

Comentarios