Amnistía Internacional acusa Ucraína de "pór en risco os civís" ao fixar bases militares en escolas ou hospitais

A entidade asegura que, nos casos que documentou, "non hai indicios de que os militares tivesen pedido a evacuación dos civís deses edificios".
Vista de Mariupol desde unha xanela. (Foto: Bruno Amaral de Carvalho)
photo_camera Vista de Mariupol desde unha xanela. (Foto: Bruno Amaral de Carvalho)

A entidade na defensa dos dereitos humanos Aministía Internacional denunciou esta quinta feira que as tácticas de combate do Exército ucraíno "poñen en perigo a poboación civil", ao estabelecer bases militares e operar sistemas de armamento en "zonas residenciais poboadas, incluídas escolas e hospitais".

Este tipo de tácticas, advirte, "violan o dereito internacional e converten obxectivos de carácter civil en obxectivos militares", cos "conseguintes ataques rusos en áreas poboadas que mataron civís e destruíron infraestruturas".

"Temos documentado un patrón no que as Forzas Armadas ucraínas poñen en perigo os civís e violan as leis da guerra cando operan en zonas poboadas", precisou a secretaria xeral da organización, Agnès Callamard.

Desde Amnistía Internacional constatan que na maioría das áreas residenciais onde se situaron os efectivos do Exército estaban "a quilómetros de distancia das liñas da fronte", polo que "había alternativas viábeis e dispoñíbeis que non porían en perigo os civís", máis afastadas destes lugares poboados, como bases militares ou bosques frondosos.

Ao mesmo tempo, a organización asegura que, nos casos que ten documentado, non achou indicios "de que os militares ucraínos que se instalaron en estruturas civís de zonas residenciais tivesen pedido ou axudado aos civís a evuacuar os edificios próximos, o que non permitiu tomar todas as precaucións posíbeis para protexelos".

"O Goberno ucraíno debe asegurarse de inmediato de situar as súas forzas lonxe das áreas poboadas, ou debe evacuar os civís das áreas onde opera o Exército. Os militares nunca deben usar os hospitais para participar na guerra, e só deben usar as escolas ou os fogares civís como último recurso cando non haxa alternativas viábeis", censurou Callamard.

A organización afirma ter contactado o pasado 29 de xullo co Ministerio de Defensa de Ucraína para trasladar os resultados da súa investigación e as advertencias oportunas, mais hoxe aínda non recibiu resposta.

"Todas as partes nun conflito deben distinguir en todo momento entre obxectivos militares e bens de carácter civil", precisan desde Amnistía, afeando os "ataques rusos indiscriminados"

Con todo, Amnistía precisa que esta práctica do Exército ucraíno "non xustifica en modo ningún os ataques rusos indiscriminados". "Todas as partes nun conflito deben distinguir en todo momento entre obxectivos militares e bens de carácter civil, e tomar todas as precaucións posíbeis, mesmo na elección de armas, para minimizar o dano a civís", engade a entidade.

Comentarios