A comisión de expertos impulsada polo Goberno de Gales ve a independencia como unha opción "viábel"

O informe sobre o futuro constitucional de Gales apunta que a escolla definitiva -autonomía, federalismo ou independencia- para o país debería de ser “determinada polo pobo de Gales”.

gales cymrru galés
photo_camera Mobilización soberanista en Gales. (Foto: PC)

A Comisión independente sobre o futuro de Gales ve "viábeis" autonomía, federalismo e independencia, e avisa que cada vía comporta "oportunidades e riscos" e lembra que a elección debería estar "determinada polo pobo de Gales", segundo informa Nationalia.

As persoas expertas que elaboraron o informe sobre o futuro constitucional de Gales ven na autonomía, o federalismo e a independencia tres opcións “viábeis”, cada unha delas con “fortalezas e debilidades” e con “oportunidades e riscos” . As conclusións do texto foron ben recibidas polo primeiro ministro de Gales, laborista, e polos independentistas; non así polos conservadores británicos.

O informe final da Comisión Independente—nomeada polo goberno galés en 2021— foi publicada a semana pasada despois de que, hai un ano, o mesmo grupo dese a coñecer un texto provisional. Os autores afirmaban entón que só había “tres opcións viábeis” para o futuro constitucional de Gales: “unha ‘devolution’ consolidada, estruturas federais e a independencia”.

Agora, no informe final, os once expertos da Comisión desbotan recomendar unha ou outra opción. A Comisión dixo que a elección iría en función dos criterios que se estabelecesen para priorizalas e tamén do grao de "risco e incerteza" que a xente estivese disposta a asumir. E esta elección, din os expertos, “só poden facelas os partidos políticos e cada cidadán”.

Iso si, os once expertos remarcaron que "o punto de partida de calquera consideración sobre as opcións constitucionais" debe basearse "no principio de que o Reino Unido é unha unión voluntaria de nacións" e que, por tanto, "o pobo de Gales debería ter o dereito de determinar o futuro constitucional da súa nación”.

A Comisión inclúe sete persoas elixidas polos seus coñecementos académicos ou pola súa traxectoria profesional, así como catro ex deputados e ex deputadas dos principais partidos de Gales (Laborista, Conservador, Plaid Cymru e Liberaldemócrata).

Dos tres escenarios, a Comisión di que a independencia é a máis arriscada. A maioría de analistas, din os once expertos, "están de acordo en que a curto e medio prazo, Gales estaría significativamente peor" economicamente. Con todo, o informe tamén recoñece que é un escenario que ofrece “potencial para un cambio positivo a longo prazo".

En canto ao federalismo, os expertos ven un modelo teoricamente sólido, pero cun problema: “depende do apoio do resto do Reino Unido”, algo que non ven posible agora mesmo nin no que se refire ás prioridades do pobo inglés, nin de parte do norirlandés, nin tampouco do goberno escocés.

En relación coa autonomía consolidada, os expertos ven o camiño con menos incertezas, pero consideran que ten o menor potencial de cambio e atopan risco de estancamento en materia económica e de loita contra a pobreza.

En calquera caso, a Comisión opina que o goberno británico debería acordar co galés a transferencia do sistema de ferrocarrís (infraestruturas incluídas), da xustiza e da policía.

Varios deputados do Plaid Cymru, o principal partido independentista e o terceiro da Asemblea Nacional galesa, celebraron nunha serie de apuntamentos en X que o informe admita que a independencia é unha opción viábel.

Más comedido, o primeiro ministro de Gales, o laborista Mark Drakeford, dixo que a publicación do informe é "un momento importante no debate sobre a viaxe constitucional" e asegurou que as recomendacións recibirán "un exame coidadoso" por parte do Goberno galés.

Comentarios