Gales exixe as competencias en xustiza ante as “diverxencias” de leis con Inglaterra

Un informe oficial do Goberno galés xustifica a petición dunha crecente "diverxencia" das leis entre Inglaterra e Gales

Cardiff, capital de Gales
photo_camera Cardiff, capital de Gales

O goberno galés publicou un informe sobre a reforma do poder xudicial no país no que reclama a transferencia de competencias en materia de xustiza. Estes poderes seguen en mans do goberno británico.

O informe, Delivering Justice for Wales, di que a transferencia desta competencia é "natural, desexábel e inevitábel" como resultado da crecente "diverxencia" entre as leis e as prácticas en Inglaterra e Gales tras máis de 20 anos de autogoberno.

A petición segue as conclusións publicadas en 2019 pola Comisión de Xustiza de Gales, creada polo Goberno galés en 2017. Esas conclusións recomendaban a transferencia de poderes de Londres a Cardiff.

O Partido Laborista, no Goberno galés, e Plaid Cymru, principal partido independentista do país, apoian a reivindicación. O Partido Conservador, primeiro partido da oposición en Gales e con maioría absoluta na Cámara dos Comúns británica, rexéitaa.

O Parlamento galés, ou Senedd, conta con poderes lexislativos dende a súa creación en 1999, que foron ampliados e reforzados en varias ocasións (2007, 2011 e 2018). Unha enquisa de 2021 mostra que 35% dos galeses quere máis autonomía e 14% quere independencia. 27% defende o statu quo e o 18% inclínase por reducir os poderes do Senedd ou mesmo abolilo.

Comentarios