Hollande segue os pasos de EUA e defende a ofensiva militar na Siria

O presidente francés asegurou esta sexta feira que "a masacre química non pode quedar impune" e aposta por promover "a fin dun réxime" que di comete danos irreparábeis contra o seu pobo. Hollande anunciou que conversará esta sexta feira con Obama pois Franza, di, "está pronta" para atacar

Hollande e Obama
photo_camera Hollande e Obama

Desta maneira François Hollande asume o papel protagonista na ofensiva militar deseñada polos EUA contra o goberno sirio após a Cámara dos Comúns británica rexeitase a intervención do Reino Unido. 

"A masacre química de Damasco non pode nin debe quedar impune", afirmou o mandatario francés esta sexta feira. François Hollande amosouse disposto a acompañar aos EUA no ataque militar contra Siria para evitar, dixo, "unha escalada que banalice o uso destas armas [químicas] e as ameazas doutros países". 

Hollande: "Se o Consello de Seguridade é incapaz de axir formarase unha coalición"

"Se o Consello de Seguridade é incapaz de axir", sinalou Hollande, "formarase unha coalición" que ao seu entender debe ser "o máis ampla posíbel". Se ben recoñece que non todos os países están preparados para imporen "unha sanción acaída", Hollande asegura que "Franza está pronta" e adoptará unha decisión "en estreita colaboración cos seus aliados".

Inquirido a respeito do rexeitamento amosado polo Parlamento británico --segundo recolle o diario Le Monde-- o mandatario francés considerou que Franza pode actuar sen o seu aliado británico pois "calquera país é soberano para participar ou non dunha operación". Aliás, anunciou que manterá unha conversa "profunda" con Barack Obama da que podería saír a data da ofensiva. Algúns medios estadounidenses fixan o inicio do ataque na vindeira cuarta feira.

Comentarios